Meditación na reclusión

por parroquia

     A poboación galega segue avellándose. Os ósos da xente maior perden consistencia. Cada vez hai máis galegos que precisan bastón. Nas casas hai quen se apoia en andadores. Na rúa, cadeiras de rodas. Algunhas con mando para o propio enfermo.

     En arquitectura fálase de accesibilidade ós edificios. Non referíndose xa ó ascensor senón á entrada polo portal.

    En Santiago de Compostela temos monumentais edificios, clásicos, pero con problemas de accesibilidade. Por exemplo, a Catedral onde, para entrar en cadeira de rodas temos a Porta Santa (no Ano Santo) e a Porta Real. Pero as outras grandes entradas, tres, non son accesibles para quen vai naquelas cadeiras. O mesmo pasa coa igrexa de S. Martiño Pinario. As monumentais escalinatas son admirables, pero non prácticas.

    Polos anos de 1.950 houbo unha revisión no urbanismo da cidade. Suprimíronse todos os desniveis, costiñas, que había nas rúas, puxeron escaleiras. Parecía aquel un urbanismo primitivo, pouco coidado, e puxeron escaleiras propias, pensaban, dunha cidade modelo.

     Afortunadamente, en Carballo, temos rampas para entrar no Concello. Hai rampas nas beirarrúas para ter acceso ás mesmas. E no Colexio da Milagrosa, a benemérita, inesquecible, sor Celia, puxo, primeiro pasamáns na escalinata, despois a rampa que os vellos non agradeceremos como merece. D.E.P. sor Celia.

     Cada vez hai máis rampas, sobre todo en edificios de pública  concurrencia.

    Velaí a miña meditación, confinado pola dor dos meus ósos. Vanse esfariñando, cada vez máis fráxiles.

     Para levantar ánimos penso nos atletas paralímpicos que, con eivas  nas extremidades e outras, corren, saltan, nadan… con un optimismo que meten cobiza.

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?