Memorias dun vello labrego

por

(Onte)

Os rapaces tiñan que ir coas vacas para o monte ou para devesas e chousas. Pouco tempo quedaba para iren á escola. Na aldea todo era silencio. Sentíanse as campanas da parroquia e as das freguesías veciñas. Servían para coñecer o tempo que viña. De vez en cando, o chiflo do capador, os foguetes das festas. Os carros cargados de patacas ou cantería para hórreos cantaban coma gaitas galegas. Ladraban os cans, de noite ouveaban.

Tabáns no gando vacún ou cabalar. O cuco viña entre marzo e abril, as bubelas na primaveira, as anduriñas por S. Xoán. Os rapaces coñecían os paxaros polo seu vo e os seus niños.

Había o xantar das festas, con molete e viño. Traía o viño o arrieiro, coa súa recua de mulas, cargadas con foles.

Oficios moi valiosos eran: o albeite, ferrador, ferreiro, canteiro, cerralleiro, borraxeiro, enterrador.

A mocidade tiña que ir “servir al Rey”. Ás veces, mesmo a África. Moitos emigraban a Suramérica ou Cuba.

Os máis valentes cavaban as rozas, collían o toxo no monte, segaban a herba seca. Facían os palleiros.

(Hoxe)

Temos colexios, ordenadores, teléfonos. Granxas. Ruído de tractores, motos e coches. Cans mimados nas casas e defecando nos xardíns. Penso para o gando. Supermercados que ofrecen de todo. Lavadoras, lavalouzas, secadoras. Tanatorios e crematorios. Televisión e vídeos. Pasan ós museos: zocos, manlles, capas de xunco, fouces, fouciños, legóns, legoñas. Candís.

Restauracións culturais para muiños, cruceiros.

En cada casa, dous/tres coches. No fin de semana, múltiples actividades: piscina, baile, gaita, deportes, teatro…

Cada catro ou cinco parroquias un cura ancián.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?