No barrio da Milagrosa

por parroquiacarballo

Estaba o garda municipal co seu uniforme levado con autoridade: casco, correaxe, porra…e así vixiaba aquela encrucillada de camiños. Algunhas galiñas do veciño picoteaban aquí e acolá. E foi cando, un dilixente fotógrafo carballés (Xervasio?) aproveitou a ocasión e deixou na súa placa inmortalizada unha escena que hoxe é vivo recordo do Carballo de hai cen anos. En todas as revistas, en todas as casas de Carballo aparece ese intre.

Ao fondo, a capela da Virxe Milagrosa, co colexio e a residencia das monxas que o atendían. Todo pola xenerosidade e devoción do matrimonio Sánchez-Rodríguez.

Nos nosos días, para chegar ó punto onde converxen tantas melloras do urbanismo carballés, temos que pasar dúas rotondas, tres pasos de peóns. Todo sobre chan asfaltado e beirarrúas. Sentidiño, pois.

Ancheada tamén a ponte sobre o Anllóns, desapareceron os señoriais olmos que defendían o paso das augas do río, pero quedan veteranos carballos que, nos días de feira, aínda acollen tendas, restos daquela gran feira do gando que había no chamado Campo da Feira.

A Virxe Milagrosa ampara agora un santuario restaurado e unha obra social (“Dona Basilisa”) que sucede á orixinaria creada polo matrimonio que está na memoria agradecida de tantas xeracións que por alí pasaron para formarse humana e cristianamente.

A Virxe Milagrosa, nos seus máis de cen anos que mora naquel santuario, viu pasar cabo dela, cara ó Camposanto de Cernide, moitos difuntos carballeses levados en paraiolas por veciños e familiares. Agora, en carrozas funerarias, rodeadas de flores, van os nosos difuntos para o Camposanto Municipal. Tan coidado, artístico, amplio. A Virxe Milagrosa bendice cando pasan, a Virxe da Piedade acolle no descanso eterno.

Pero o barrio da Virxe Milagrosa revive cando empeza o mes de septembro. Aquelas rúas que rodean o santuario van convertirse en xardín, unha alfombra vexetal, pola obra da devoción do vecindario. Para isto requírese unión, constancia, esforzo, coordinación, sacrificio… Pois estas virtudes hai naquela xente e outras que, de fóra, pero bergantiñás, veñen axudar. O Camiño de Santiago, as imaxes de María máis populares entre nós, os meses do ano… son, foron, temas de tal alfombrado.

A praza que preside o santuario é o escenario dunha Misa solemne que, milleiros de devotos, baixo un Sol que firme quenta, asisten, participan no acto relixioso sobranceiro para a nosa Fe cristiá.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?