O perfil da costa galega está sinalado ós mariñeiros con faros que avisan da proximidade da terra. Faros de gran porte e fama son os de Vilán e Fisterra. O progreso fixo que os faros sexan un recordo do pasado, hoxe moi visitados polo turismo.
Así mesmo, os lindes da terra co mar están marcados en Galicia por un rosario de nomes marianos, devocións diversas que os mariñeiros invocaban cando ían pescar e cando volvían de faenar.
“¡Salve a la Virgen!” clamaban cando pasaban diante da Virxe da Guía, ou da Virxe da Roca, en Baiona-Vigo.
A devoción máis profunda na xente do mar é a de Nosa Sra. Do Carmen. No cume do monte Carmelo, á beira do Mediterráneo, mesmo asomado ó porto de Jaffa, vivía unha comunidade de israelitas practicando a lei de Moisés. O profeta Elías pertencía a este grupo.
Ao nacer o cristianismo alí aceptaron esta Fe e deron culto á Nai de Xesús. Velaí temos a devoción a Nosa Sra. do monte Carmelo.
No medievo, os europeos trouxeron a devoción a Europa. San Simón Stok fundou a orden Carmelitana. Santa Tareixa de Xesús e San Xoán da Cruz foron en España místicos carmelitas que propagaron a devoción á Virxe do Carmen. Ademais foron grandes mestres da literatura castelá.
Así pois, esta devoción abrangue terra e mar, e porque o mar é moitas veces camposanto para mariñeiros, tamén a devoción ó Carmen chega ó noso eterno destino.
En tempo de verán, cando as nosas rías están máis serenas, son escenario de grandes procesións, que, lembrando ós difuntos do mar, lanzan coroas de loureiro, con oración polos que perderon a vida no medio mariño D.E.P.
Cada ría ten o seu rito. Así, a danza dos Arcos en Muxía e Camariñas. Para facer a festa, os mariñeiros deixan peixes froito do esforzo da rematada marea.
Persoas devotas, para agradeceren un favor ou facer unha petición, levaban o hábito do Carmen. Era un vestido cor marrón cun cíngulo da mesma cor.
Nos estandartes, nas imaxes, vai o escudo do Carmen: un monte coroado por unha cruz. E con dúas estrelas que poden ser o profeta Elías e S. Simón Stok, pero nós os españois, ben podemos pensar que son Santa Tareixa e San Xoán da Cruz.
Nas nosas parroquias de aldea cantabamos os “Gozos” do Carmen. Era unha música adaptable a outras novenas, como de S. Antonio, Ánimas, ou a Saleta. O pobo respondía: “Sed nuestro amparo amoroso, Madre de Dios del Carmelo”.
Carmelo/Carmela.- Nomes que evolucionaron a “Carmen”, quizais atraídos pola beleza do sustantivo latino “Carmen”, que significa canto, poesía, poema.
Belido nome, pois, para tantas Carmes da nosa terra.
Xosé Pumar Gándara