Os nosos artistas do relixioso resultan ser grandes catequistas. Eles meditan, fíxanse nos xestos mínimos que constan na vida dos santos ou nos Evanxelios e tratan de representalos na obra artística que nos deixan. As tallas da Semana Santa que procesionan polas nosas rúas, os cadros dos misterios de Nosa Señora que custodian os museos son unha gloriosa historia de escolas de escultores e pintores que nos precederon.
Agora intentaremos sintetizar as nosas observacións sobre imaxes de Nosa Señora do Carmen.
1º.-No convento do Carmen de Padrón hai unha senlleira imaxe, obra de Felipe de Castro, escultor noiés do século XVIII. María aparece transportada por unha nube, recostada, amparada por anxos.
2º.-Tras as obras carmelitanas de Santa Tareixa e S. Xoán da Cruz, hai unha expansión desta devoción nos séculos XVII e XVIII. Fúndanse cofradías, todas terán unha imaxe a venerar. Os obradoiros composteláns están no seu mellor intre. Polo xeral, son imaxes de canon mediano, María atende ó devoto amosándolle o Neno, os pregos do manto caen verticalmente.
3º.-Imaxe da fachada do convento do Carmen de Santiago. Atribuída a Gambino. María recolle un extremo do manto, pásao por diante de si para sostelo co brazo esquerdo. Esta imaxe inspirou outras da autoría de Xosé Rivas, famoso escultor compostelán na primeira metade do século XX. De canon maior estas tallas.
4.-Algunhas cofradías teñen imaxe do Carmen aparecendo ésta liberando ánimas do purgatorio. Tamén en vilas mariñeiras veneran un Carmen que amosa a María acudindo a salvar mariñeiros que loitan coas ondas do mar.
5.-Na segunda metade do século XIX emerxe en Santiago o escultor Rodeiro. Fai unhas imaxes de canon menor destinadas a presbiterios románicos con retablos de poucas dimensións. Finado el, seica unha filla súa seguíu no obradoiro do seu pai. Facía unhas imaxes destinadas a ser veneradas, bicadas polos fieis; ou para recoller esmolas polas aldeas.
Resumindo.-En todas as tallas María leva o Neno no brazo esquerdo. Nalgún exemplar, aparece María facendo un escorzo para que o Neno ocupe o centro da escena ante o devoto.
María leva hábito marrón escuro no que aparece sobre o peito o emblema da orde carmelitana. Levan coroa real tanto María como o Neno.
Os dous ofrecen o escapulario do Carmen, particular medio para vivir a mística carmelitana.
Manto dourado, ás veces con filigranía ou estrelas. Nalgún caso temos visto un manto floreado que semella un mantón de Manila.
Van as tallas sobre unha nube prateada na que asoman cabeciñas de anxos.
Sen duda, quedan moitas imaxes que non van neste apretado resumen. Hai parroquias que teñen dúas imaxes do Carmen. Unha está fixa no retablo, outra sae a procesionar. Sempre hai un pequeno detalle que identifica en exclusiva ésta ou aqueloutra imaxe