Notas para a historia da parroquia de San Xoán de Carballo (II)

por

O cristianismo estaba presente na nosa diocese no século IV. Así opina López Ferreiro, que fixo estudos arqueolóxicos en campas descubertas. O mesmo afirma Díaz y Díaz (p.11), que nos fala dun achádego en Vimianzo, de hai poucos anos. Outros autores fixan o século V como máis aproximado á realidade. A romanización de Carballo, en relación coas súas augas termais, é un feito aceptado. Mesmo o padroado de San Xoán, o Bautista, estaría motivado no beneficio que achegaban as augas como curación de males da saúde. Pero viñeron os suevos, que eran arrianos (unha interpretación parcial da persoa de Cristo) e quedaron borradas as liñas do incipiente mapa relixioso de Galicia. Convertidos despois a un cristianismo pleno co rei Teodomiro, houbo que reponer as antigas dioceses. Hai un concilio en Lugo o 1 de xaneiro de 569, e del saíu o Parroquial de Suevo, tamén coñecido como División de Teodomiro.

Restableceuse a diocese de Iria, entre máis, que hoxe perviven. Decrétase cales serán os pobos que a integrarán. Á de Iria pertencerá Bergantiños. Así aparece unha segunda edición do Parroquial. Entende Díaz y Díaz que as referencias do documento son de xentilicios, non de topónimos. Polo tanto, quérese dicir que “hai cristiáns de tal tribu ou nome”. Co tempo darían nome ao territorio.

Naqueles case 200 anos (s. VI-VII) do período suevo, houbo un florecemento monástico en Galicia, propiciado por San Martiño Dumiense e San Froitoso. Pequenos mosteiros familiares, e outros creados pola mesma igrexa, estendéronse na nosa terra. Chegou a orde benedictina e todos eles foron incorporados á regra de San Bieito. Os monxes bieitos fundaron moitas parroquias, axudaron ao cultivo dos campos, á cultura e organización da sociedade.

Así pasou en Soandres, mosteiro escaso en documentación, pero que no século X recibe importantes doazóns. Residiu alí un bispo chamado Nuño, que supoñemos viría fuxindo da dominación musulmana. Soandres terá a cura de almas nas comunidades da súa redonda (Fernández de Viana). Mesmo chegou a servir a San Xoán de Carballo. Aquí tivo propiedades. Eran Algoa (A Lagoa?),Douco, Insua, O Penedo, O Viso (Lucas A., tomo Soandres, p. 122).

Sen dúbida esta posición económica aconsellou ao arcebispo Lope de Mendoza conceder dereitos de sinecura ao mosteiro de Antealtares, primeiro, e despois ao de Pinario. Por metade e cada un. Foi no ano 1.410. Concesión confirmada no 1.418 (Lucas A., tomo II, PP. 1.152-1.155).

Continuará

 

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?