O Cruceiro da Milagrosa

por

Cada parroquia ou santuario ten o seu cruceiro no adro. Nel para a procesión do Santísimo, porque hai alí un pequeno altar.

O noso poeta Noriega Varela cantou o cruceiro do adro. Castelao recolleu e dibuxou moitos cruceiros de Galicia. A Deputación da Coruña publicou en catro tomos o catálogo de cruceiros da provincia. Temos aquí cruceiros famosos: o de Melide (o máis antigo de Galicia); o do Home Santo; o do Pedroso bendicido polo cardeal Martín de Herrera. E tantos Via-Crucis en montes e adros da nosa diocese.

Disque o cruceiro é o menhir prehistórico, cristianizado. Como pasou con tantos castros.

Hai cruceiros con fermosas lendas. Lembrade aquela que Zorrilla recolle no seu poema “A buen juez ,mejor testigo”.

Na Milagrosa, santuario cada vez máis concorrido e privilexiado en indulxencias desde o seu Ano Xubilar, faltaba o cruceiro. Feito en cantería. Obra de Mármoles Gumersindo Rey, a quen felicitamos cordialmente; ten a altura e volumen que o espacio requería. Dimensións que coidan moito os arquitectos.

Contén as figuras e mensaxe que aparece na meirande parte dos nosos cruceiros. Cristo crucificado, rostro que mira ao devoto que o contempla. Como aquel Cristo da capela de San Damián que falaba a Francisco de Asís.

María é a creatura predilecta que experimenta antes ca ninguén os froitos da Redención, que derivan da Crucifixión de Xesús.

Esta Santa María da Asunción ten rostro de muller galega, de faccións xermánicas. Que eran as preferidas por Asorey para obras tan coñecidas como Ofrenda a San Ramón, ou O Tesouro.

María acolle, abre os seus brazos, voa o seu manto, porque ascende e quere levarnos consigo á Patria definitiva.

Vén sumarse este cruceiro á quenda de cruceiros que temos en Bergantiños. Empezando polo de Sofán (o máis antigo) todos eles son un patrimonio que atestiga a Fe dos nosos devanceiros. Era unha Fe que se manifestaba abertamente, que producía estes monumentos de arte, que son valioso patrimonio que nos deixaron os antepasados.

Xosé Pumar Gándara

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?