O Nadal do Señor

por parroquiacarballo

Verdade é que, así como hai un cambio climático, algo semellante, un perigo hai, de que perdamos o sentido das festas do Nadal. Para os cristiáns é a celebración do nacimento de Xesús de Nazaret, o cume das esperanzas da humanado. Cristo, Deus humanado habitou entre nós.

O cristianismo non é, de seu, unha cultura pero a mensaxe de Cristo vívese mellor cando se fai cultura no pobo pola aceptación do Evanxeo.

O Nadal é un tempo oportuno para comprobar se a nosa sociedade mantén as celebracións propias daquel acontecemento, ou se, polo contrario, se van perdendo.

O canto de panxoliñas ou matines (palabra emblemática de Bergantiños) foi un costume animador do Nadal nas nosas parroquias.

Bergantiños debe moito á orde beneditina. Velaí os mosteiros de Soandres, Almerezo, Sobrado, Pinario e tantos prioratos que son a fundación histórica das nosas parroquias.

Os frades bieitos ensinaron a cultivar a terra, evanxelizaron, tiñan como norma: “Reza e traballa”. Na oración ía o canto gregoriano, a liturxia, no que foron especialistas.

O noso cantoral popular está influenciado polo canto dos salmos. Hai estudos que amosan a coherencia das formas salmódicas gregorianas e os cuartetos das cántigas que se oían nas ruadas e romarías.

Así xurdiron panxoliñas e matines, pero en castelán. O pobo encargouse de cantar o que os frades ensinaban pero introducía variantes da lingua da xente, o galego rural, como era de esperar.

Sigo pensando que a palabra “moinantes”, exclusiva de Bergantiños, procede do sintagma “moniales matinantes”, é dicir, foi tan típico e querido entre nós o canto de Nadal, que, xa fóra dese tempo, había espontáneos que seguían cantando textos de creación propia. Eran falsos monxes (moniales) que cantaban os salmos (maitines) buscando aguinaldos para sobrevivir.

Para os maiores que imos quedando non deixará de agradarlle aquilo de:

“A noitiña de Nadal, /noite de grande alegría,

camiñando vai Xosé, / camiñando vai María”.

Ou isto:

“A Belén camina / una niña ocupada,

toda llena de gracia, / toda llena de vida”

Finalmente, outro comezo:

“A estas puertas estamos cuatro pasajeros, / Se nos dan licencia, /

comenzaremos. Es descortesía, es desobediencia, /

ponerse a cantar, sin pedir licencia”.

Remato coa mensaxe do Nadal: “Paz na terra para a xente de boa fe”.

Amén

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?