O seu anuncio suscitou ansias por escoitalo. Aínda recordabamos a súa lección cando fora distinguido como Carballés do Ano. Foi unha ensinanza que amosaba o seu profundo amor a Carballo e á súa familia. Moi ben puido o doutor Mariño escusarse ante a proposta de ser pregoeiro este ano. Estaba el inmerso na redacción do discurso de ingreso na Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, que será o vindeiro venres. Pois ben, Mariño Cotelo, que ten capacidade abondo, aceptou de boa gana. Sentiuse moi honrado coa distinción e foi o primeiro que fixo na súa intervención como pregoeiro. Deu as grazas efusivamente, repetidamente, por ser nomeado tal. A todos: autoridades e carballeses.
O pregón do doutor Mariño é un conxunto de vivencias nos seus anos neste Carballo natal. Autobiográfico, pois. A frase curta, incisiva, o xesto explicativo… todo foi un deleite para os asistentes, que se manifestaban unha e outra vez con cálidos aplausos. Mariño Cotelo dominaba o extenso auditorio. De pronto, un punto de enxebrismo. Entra na sala un gaiteiro que nos sorprendeu. De múltiples facetas é este acreditado xurisconsulto Pedro Luis Fernández Pombo, quen ademais é un esforzado ciclista. Pareceume que a presenza do avogado Pedro no discurso do pregoeiro foi un acordo feito no ascensor ou na escaleira da mesma casa.
Estiven matinando contra min. Porque hai paralelismo de grandes médicos, tamén grandes escritores. Velaí: Gregorio Marañón, con múltiples obras literarias, académico da Real Academia Española; Garcia Sabell, que diserta sobre a morte, presidente da Real Academia Galega; Vallejo Nájera, que reflexiona sobre a existencia humana mentres percibe o avance do cancro no seu corpo. O doutor Mariño revélasenos como un bo literato, costumbrista, xénero moi atraente e popular para un pregón. Non precisa acudir a palabras grandilocuentes ou redacción artificiosa. Na medicina, a súa vocación levouno ao campo máis difícil e urxente, a oncoloxía. É un médico que coñece, sente, o patetismo das situacións humanas, os relatorios que os doentes fan da súa enfermidade. Por iso está facultado para acompañar as crises da nosa alma. O pregón de Mariño Cotelo sinala un fito na secuencia de pregóns e pregoeiros do San Xoán de Carballo.
Lembramos aquel pregón inicial do 1977. Empezaba un rito que había nas grandes cidades. Pero… tamén pregón en Carballo? Foi iniciativa de García Gondar, que acolleu o alcalde Sánchez Vilas. Resultou algo moi modesto, non había antecedentes, pero o marco foi a sala de plenos do Concello. Algo semellante pasou cos galardóns do ano. Idea tamén, coma tantas, do mesmo García Gondar. Así temos hoxe dúas institucións que dan lustre a Carballo, a Bergantiños, a toda Galicia.
Que as festas do San Xoán enchan de ledicia a este pobo, como a tal pregón e pregoeiro deste 2014 debe corresponder.