Discurso de Xosé Pumar Gándara na entrega dos premios “Padroado Fogar de Bergantiños”

por

Sr Alcalde e Autoridades; Sra Presidenta do Padroado Fogar de Bergantiños; Membros de Padroado; compañeiros galardoados; bergantiñáns todos:

Sabedes que son un migrante galego que andiven entre as terras de Rosalía e de Pondal e viceversa. Crucei a ponte de Portomouro cara o sur e  cara o norte.

Coidaba vivir a miña xubilación en terras dubresas, pois endexamais tivera vacacións. Pero chegou o amigo García Gondar e non parou ata que me fixo tornar a Bergantiños para un novo tempo nesta. Parecía ser un complemento pero vai xa cara dezasete anos que vivo nesta vila-cidade de Carballo.

Quizais unha puga dubresa, en patrón bergantiñan poida dar froito.

Bergantiños é terra acolledora. Mesmo mozárabes houbo que acó acougaron e deixaron a súa pegada na toponimia.

Terra aberta, con horizontes infinitos para albiscar outras terras verdes. Como fixo o héroe Breogán indo a Irlanda.

Desde Sta María da Atalaia en laxe, deica Sta María dos Milagros de Caión, ábrese ao mar Bergantiños. Para facer fronte ás ondas feras, temos o Cabo S. Adrián e o Roncudo. Para contemplar esta beldade, con mirada largacía  (que diría Bouza Brey) temos o castro de Sta Irene.

Unha cadea de montañas (Montemaior, O Castelo, Monte de Quinto, Serra da Estrela) non nos separan, senón que nos vencellan a Galicia. Pero definen o noso territorio, a nosa personalidade, a etnografía.

Nos máis gloriosos intres da H. de Galicia, Bergantiños estivo presente. E o noso Conde de Traba, D. Pedro Froilaz, participou con Xelmírez nun proxecto grandioso. O Conde coidou ao neno Alfonso VII  e no ano 1.111, Xelmírez coroouno “Emperador de toda Galicia” na mesma Catedral de Santiago.

Que pretendería Xelmírez? Non o sabemos.O arcebispo levou o seu proxecto á tumba. E por non saber, nin sequera sabemos onde estea soterrado na mesma Catedral. Tampouco sabemos onde estarán os restos de Colón, de Cervantes, ou do mesmo Mozart.

Pero o Conde de Traba, si, está no panteón real da Catedral. Bergantiños, pois, presente na mesma entraña de Galicia. E ben merecidamente. Non nos sintamos  extraños cando o santo templo visitemos.Espéranos un ilustre paisano.

Volvendo a esta terra, vémola regada por  ríos e regatos, coma unha pequena Galicia. O pai Anllóns recolle todas as augas e con elas navega cara o Atlántico.

Pero o Anllóns,  como bo bergantiñán, faise traballador aló en Verdes. Os nosos labregos, inxenieiros das augas, descubriron que a anchura e a abundancia do río, permitían un sistema de muiños para moer o gran nos tempos de verán en que os muiños caseiros non tiñan auga abondo.

O río,  intacto, alegre, pasa cantando a súa melodía e os muiños entonan a salmodia da abundancia (que diría Valle Inclán).

Haberá molete nas festas e fariña para os freixós dos canteiros, carpinteiros e para as merendas das costureiras.

Anllóns, satisfeito e cantareiro, avanza cara o mar. Pasa por entre a casa do noso  bardo Pondal, alí pode escoitar os seus versos adicados á campana de Anllóns, e, polo outro lado da ponte, chegan os sons, os trinos da gaita galega que   toca Cuiñas  no castro de S. Fins.

 

O monte Branco certifica a arribada do Anllóns ao seu destino: o mar bergantiñán . As augas doces do río, trocan en salgadas.

“A Campana de Anllóns”. O poema máis coñecido de Pondal. Pero o río escoita esta campana e todas as de Bergantiños, no seu camiñar por estas terras.

“Toca Rus, Silván e Traba

Bértoa, Verdillo, Carballo,

Sísamo, Goiáns e Cances

Xornes, Leiloio e Tallo”

Todos coñecedes este cuarteto. Riman o segundo e cuarto verso. En cada un deles, tres acentos, tres parroquias contiguas. A primeira sílaba é tónica, a última é átona, a penúltima leva acento como palabra grave.

Quen comporía este marabilloso encaixe de sons e topónimos?

Os nosos poetas populares, anónimos, non sabían Arte Métrica, pero tiñan una inspiración, un fino oído, que tecía versos admirables. Como foi S. Xoán da Cruz.

Como puido dicir Lope de Vega aquilo de “Galicia nunca fértil en poetas”?.

Se aquí en Galicia houbo trovadores e  xoglares desde a mais alta Idade Media; Cancioneiros que certifican a evolución e nobreza do noso idioma?.

Se aquí houbo un poeta ou poetisa en cada parroquia, como hai un castro, como hai una igrexa?

Velaí temos a Asunción Antelo, a Rexuveira de Bergantiños, a Sara Sande    Balsa de Oza, e tantos outros. Ogallá que un día, o amigo Xosé Manuel Varela, sabio filólogo, amante da literatura oral, poida presentarnos unha escolma ou antoloxía das obras dos nosos poetas anónimos, nos que está viva a fraseoloxía, a entoación, o vocabulario de Bergantiños, nidiamente galego polo que debería interesarse máis a Real Academia Galega.

Tamén as campanas na alborada, tanxen ao mediodía nas festas, tocan nos solpores anunciando as Avemarías, como di Rosalía en Campanas de Bastavales, poema un pouco posterior a  “A Campana de Anllóns”.. Quen sabe se motivado por este, Rosalía di “tocar das Avemarías”. Pondal fala “do toque da oración”. Que os expertos expliquen se hai causalidade, ou casualidade, ou empatía entre Rosalía e Pondal. E tamén dan “el toque postrero” (que diría Becquer)  aos nosos difuntos.

Volvamos ao mar. Cando está azul, coroa con cenefas de brancores, bica os praiales nos que descansa. Outras veces bate impertérrito contra a terra que ama, e arranca cachos dela, como mar namorada.

A vida faise con días de Sol e con días de Tormenta.

Entrementres, Bergantiños seguirá progresando, facendo a súa singladura e vivirá miles e miles de  primaveras (que diría Cunqueiro). E vós , que por moitos anos o vexades.

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?