Que gusto ler Viaxe polo corazón de Bergantiños

por

Non é posible encadralo dentro dunha guía de viaxe, nin dun libro de historia ou de arte. En frases moi breves, cun estilo áxil, que o caracteriza, don Xosé Pumar ofréceno-lo que lle suxire cada rincón de Bergantiños. Fai gala de coñecementos de historia, arte, música, literatura (so posibles cun elevadísimo nivel cultural) nunha redacción que semella poesía, anque non garde as normas da métrica e a rima, nin falta que lle fai ó autor para agasallarnos con fermosas e inxeñosas frases, as máis das veces exclamacións.

Ubícanos no lugar, descríbenolo, centra a nosa atención sobre o que verdadeiramente paga a pena, ilústranolo cos seus coñecementos (profusos pero declarados en poucas palabras, que para o lector intelixente son suficientes sen ter que aclarar todo) e exclama o que lle suxire a el mesmo. Se fose unha viaxe turística, tería un ritmo relampagueante, pero non nos quedaría nada importante sen ver e comprender. Sen embargo, non é un libro de turismo, senón máis ben de vivencias, intimista, persoal. Diríase que o libro ben puidese terse titulado Viaxe polo corazón de don Xosé Pumar, porque permítenos descubrir a un home que sabe valora-la terra e as xentes máis alá de sentimentalismos, porque ningún lector sospeitaría que o autor non é oriundo desa bisbarra despois de le-lo libro, se non fose avisado previamente.

Fala o historiador, o galeguista, o home culto preocupado pola forma de vida dunha xente, pero fala ante todo o corazón de quen sabe aprecia-lo que ve. Cada mirada ou pensamento do autor suscita un sentimento que é compartido en forma de exclamación. Ensínanos este libro a atopa-las raíces do agora que explican o que somos, pero tamén a valora-la modernidade irrenunciable, nunca tratada nesta obra peiorativamente. Sabe estar a cabalo de dous mundos, o da nenez de don Xosé, onde Galicia espertaba á revolución científico-tecnolóxica, e a actualidade, onde os avances técnicos son a característica desta nova era. Comprende sempre a razón de ser do que aconteceu, por negativo que fose, porque sabe don Xosé mirar ó corazón dos homes, e non só ós feitos.

É este libro o mellor canto a Bergantiños, que ó mesmo tiempo nos descobre a grandeza interior do autor. Curros Enríquez, imaxina a Rosalía de Castro cunha estrela na frente e no bico un cantar, e así decatámonos de que é realmente Curros quen por leva-la estrela no corazón soubo cantar a Rosalía co bico. Xosé Pumar vai, como un trobador, por Bergantiños adiante cun cantar no bico porque el tamén ten unha estrela no corazón.

José Sánchez Piso

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?