O Rexionalismo

por

(Alfredo Brañas Meléndez)

Era necesario verter ó galego El Regionalismo do noso Alfredo Brañas. Agora foi posible grazas á iniciativa da Asociación Alfredo Brañas de Carballo, co patrocinio da Deputación da Coruña, e con tradución de Antonio Pichel. Así chegou ás nosas mans o famoso Estudo Sociolóxico, Histórico e Literario da obra do ilustre carballés. Ten el unha perspectiva de fondo sobre o ser de Galicia. Para que sintamos como o espíritu rexionalista da Nosa Terra é algo intrínseco ó noso ser de galegos anque políticamente non teña a repercusión conseguinte. Brañas reflicte a pan-galeguidade que vai nos diversos aspectos da vida de Galicia.

Queremos referirnos particularmente ó Prólogo con que o catedrático e académico Sr. Barreiro Fernández presenta O Rexionalismo. Profesor na U.S.C, é un recoñecido especialista na Historia Contemporánea de Galicia. Acredítano as moitas obras e artigos que leva publicados.

Sorprendeunos Barreiro cando, aló por 1.965, publicou, xunto con Rafael Silva Costoyas, El Pórtico de la Gloria. A parte histórica é de Barreiro, mentres que a interpretación bíblica é de Silva.

Aqueles coñecementos e capacidade de análises que amosa Barreiro, con 29 anos, chegado de facer brillantes estudos fóra, pero non relacionados coa historia, fíxonos pensar. Saber do medievo compostelano (Mestre Mateo, Xelmírez…) con esa competencia; manexar a bibliografía sobre aquel temario… non era algo común.

No 1.975 publica Barreiro El Carlismo Gallego. Non sabiamos que tivera tal fondura na nosa sociedade. Fixo unha boa pescuda nas fontes. Agora estamos á espreita dunha nova edición da obra.

Un novo xeito de escribir a historia empezou na U.S.C promovido polo catedrático Eiras Roel, seguindo pautas que viñan de Francia. Quen lea a Barreiro sentirase aludido nos seus antepasados, clase social, momentos políticos. Todo ten o seu capítulo correspondente. A historia é transversal, protagonizada pola sociedade, coas súas eivas e progresos.

Dinos Barreiro que o rexionalismo formúlase no 1.886 por decisión de Murguía. Precisaba el un executor, que sería Brañas. Aquel defende un rexionalismo liberal, fundado na mesma sociedade. Brañas basea as súas ideas en principios teolóxicos, fideístas. Aquel chamado Banquete de Cernadas, no 1.892, no que estiveron os dous, nada frutificou.

Virán Castelao, Risco, Chao Rego… que darán novos pulos ó nacionalismo galego. Cada quen aportará un novo aspecto na exposición da cuestión, loitando todos por sentirnos Nós.

O camiño quedaba aberto por Alfredo Brañas, o noso paisano carballés.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?