Os merecementos de F. Cabeza Quiles

por parroquiacarballo

Coa publicación de Toponimia de Carballo, cómpre que fagamos revisión de canto leva feito Cabeza Quiles pola toponimia de Galicia. Empezou haberá xa 40 anos e desde aquela segue pescudando nos nomes da nosa Terra, que son onde está a mellor información sobre o pasado das nosas xentes. Así temos un acervo de libros da súa autoría que se fan imprescindibles se queremos saber sobre os nosos lugares, parroquias ou currunchos. Pero, ademáis de libros, Cabeza ten espallados moitos artigos sobre topónimos en publicacións do Instituto de Estudos Bergantiñáns, en revistas da Estrada, da illa de Ons…Porque hai interese en contar coas súas colaboracións que dan importancia ó medio que as acolle.

Fernando é un investigador en sentido estricto. Fondos que foron dos grandes mosteiros e pasaron pola desamortización a entidades públicas, como son tumbos, códices, foros; documentación do Arquivo Diocesán, ou da Catedral, ou da U.S.C., foron visitados polo noso Autor. Ten ademáis, polo que se descobre nas súas obras, toda clase de dicionarios da lingua, empezando polo Pokorny.

Con toda esta información Fernando fai un relatorio asequible a todos, amable. Todo vai sobre pautas históricas, etnográficas que son moi gratas ó lector. De vez en cando o mesmo Autor visita os lugares reseñados para comprobar a coincidencia do nome e a xeografía.

Hai outra “vocación” en F. Cabeza, ten imaxinación, vocabulario enxebre para a literatura narrativa. Os seus contos son pedagoxía con ecoloxía e retranca galega.

Dicía Otero Pedrayo que no seu tempo non había filólogos (Coido que nese intre Otero non se acordou de Amor Ruibal). Hoxe, hainos. Agora mesmo, xa na Real Academia Galega. Pensamos que o acreditado bo saber de F. Cabeza neste eido faino merecedor de formar parte da devandita corporación. Cabeza Quiles é coñecido e citado abondo. Tamén a Academia conta con el para a serie de Toponimia. Fernando Cabeza honrará á Real Academia Galega coa súa presencia, co seu saber e aptitudes

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?