Os nosos avós, hoxe e sempre

por parroquiacarballo

     Cando chegamos a este intre do ano, o outono, acostuma a familia parroquial de Carballo ter unha memoria de gratitude e honra ós nosos avós.

     Van eles encorvándose co peso da vida, son un tesouro de noticias e afectos que nos vencellan ó pasado familiar que os máis novos non puideron  coñecer.

     Cando van chegando á súa madurez os que hoxe están na pubertade ou na nenez, sentirán pena por non ter dialogado máis cos avós, por non aprender da súa experiencia, mesmo para reconstruir un pasado familiar que se vén perdendo no tempo, non podemos xa imaxinar.

     As ensinanzas dos avós son verdades contrastadas, perennes. Saben dos perigos que hoxe ten a nosa mocidade. Son testimuñas da nosa cultura, da nosa fala, tamén da Fe cristiá que eles viviron guiados polos seus antepasados.

     Nas circunstancias polas que transitamos, con crebas familiares, crises económicas, desorientación ante a vida, precisamos un arrimo seguro que dea confianza a fillos e netos.

     Sabemos de avós que aforran o que poden para axudar a quen, ó mellor, está en paro, e non pode desenvolverse.

     Sabemos de avós que guían aconsellan ós netos para que vaian á Catequese. Son os maiores o sosego na vida nun tempo tan cambiante.

     Ante todo isto, qué merecen os nosos avós?.Respecto, atención, comprensión na súa decadencia… Pero, sobre todo, un amor desinteresado, porque hai moito que agradecer a quen, quizais, traballou, aforrou, emigrou… en todo caso levou unha vida honrada, exemplar que quixeran eles ver nos seus descendentes.

     Ogallá se sintan eles correspondidos polas novas xeracións. Sería o mellor consolo para quen orientou a súa vida deixándose guiar sempre polos valores humanos e cristiáns que da familia recibiron.

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?