Tantas veces indo e vindo pasando por diante da capela e endexamais tiveramos ocasión para entrar e honrar a Nosa Señora á que nos encomendamos en cada viaxe.
Ben restaurada, nótase a man e celo de veciños e do finado párroco D. Eusebio, por ter este centro de culto disposto para acoller dignamente ós devotos de Nosa Señora.
Un retablo de pedra, semellante ós retablos do barroco rural de tantas igrexas. No primeiro corpo, dous nichos. Un para S. Fernando III o Santo e outro para S. Caetano.
Na Catedral temos un S. Fernando en actitude semellante ó de Vivente, anque de canon maior. Este santo foi rei de Galicia, León e Castela. Conquistou moitos territorios ós árabes. Famosa é a conquista de Sevilla con nave que avanzou polo Guadalquivir e rompeu a cadea que atravesaba o río, impedindo o paso… Disque era nave comandada por muradán. O concello de Muros lembra esta fazaña tendo no seu escudo unha nave coas velas despregadas.
O cardeal Fernando Quiroga creou parroquias en Santiago e na Coruña baixo o patrocinio de San Fernando.
San Caetano, fundador dos frades teatinos (século XVI) entre nós é invocado pola saúde dos enfermos. Por iso, na igrexa da V Angustia do Hospital Real de Santiago (hoxe parroquia de San Froitoso) hai unha imaxe deste santo.
No segundo corpo do retablo un boceto coa imaxe de Nosa Señora dos Remedios. Ten moitos santuarios polo sur de España. Devoción atribuida ós P.P. Trinitarios, que se dedicaban a redimir (remediar, pois) cautivos. Entre eles, redimiron a D. Miguel de Cervantes.
Na igrexa de San Félix de Santiago hai unha imaxe e fan a novena a Nosa Señora dos Remedios.
Nun lateral hai a imaxe que chaman en Vivente de Nosa Sra. de Vilamaior. Temos constatado que en Seavia hai que ofrecer Misas a Nosa Sra. de Vilamaior. Sempre pensamos que sería unha referencia á que se venera en terras de Santa Comba. Agora, dudamos. Pois ben, a imaxe tan fermosa deste santuario é unha Asunción que ten os brazos ergueitos, non ten o Neno Xesús, vai levada por anxos. A de vivente é unha imaxe clásica, co neno. Pensamos que é do século XX, falando con xente maior, nacida en Ardaña, dinos que recorda de toda a vida esta devoción en Vivente. Quizais, coidamos que sexa una imaxe ofrendada por un devoto que peregrinou a Vilamaior, o famoso santuario en terras de Xaias.
Do século XVIII, pensamos que é a imaxe da Virxe que está no outro lateral. Modelo repetido, moi fermoso, nas nosas igrexas.
Que nos bendiga Nosa Señora dos Remedios.