San Francisco en Santiago de Compostela

por parroquiacarballo

Os anos e os achaques que padece o papa Francisco non permitirán xa que veña a Santiago. Aspiración que tivemos nos anos santos pasados, pero non se cumpriu.

Pero quen veu, si, alá polo século XIII, foi S. Francisco de Asís. Tradición que conserva e defende a orden franciscana.

Cando o cardeal Berglogio, arxentino, foi elexido papa e tomou o nome de Francisco, coidamos que era unha alusión a S. Francisco Xavier, misioneiro, xesuita, como o propio Berglogio. Pero non. Aclarouno el. Referíase o seu nome a S. Francisco de Asís, o santo que, asegún din, foi quen mellor imitou ao Noso Señor Xesucristo.

Na portería do convento de S. Francisco, en Santiago, hai unha lápida posta na parede, antiga, na que se narra brevemente a estadía en Compostela de S. Francisco o fundador da orden dos Irmáns Menores (que así quixo o santo que se chamasen os franciscanos). Sen duda que aquela visita do santo, co tempo, xerou a lenda que hoxe temos.

Chegou S. Francisco en peregrinación a Santiago, a onde viñan tantas xentes de toda Europa. O noso peregrino foi parar á casa de Cotolai; que era un traballador do carbón que tiña a súa casiña na beira do monte Pedroso.

Aquel visitante quería fundar un modesto convento preto do sartego do Apóstolo. Cotolai vaino axudar. Un bo sitio para edificar é alí en Val de Deus, pero as terras son propiedade da abadía de San Martín Pinario, benedictina. S. Francisco dille a Cotolai que vaia cabar a unha fonte e alí atopará unhas moedas de ouro para dar ó abade de S. Martín. Contan que esa fonte é a hoxe chamada “Fonte do Ouro” que está preto da ponte sobre o río Sarela subindo cara ó Pedroso.

Falou co Sr. Abade expoñéndolle o desexo de S. Francisco, pero éste non ten cartos. O abade cede un cacho de propiedade tan grande como a que se poida cubrir coa pel dun boi. E tamén coa obriga de traer ó mosteiro un cesto de troitas pescadas no río Tambre. (Outros din no río Sarela).

Cotolai e Francisco fixeron da pel dun boi unhas tiras tan estreitas que parecían fíos. E así cubriron e acapararon un soar suficiente para un pequeno convento. E puideron empezar a obra. Estamos no século XIII.

Daquel edificio consérvase un claustro gótico que no século XVI foi escenario das Cortes Españolas convocadas alí por Carlos I, que xuntaba cartos para ir a Alemania e coroarse como Carlos V. Nada obtivo en Santiago porque Galicia estaba marxinada, non tiña voto en Cortes, votaba por ela Zamora.

Andando o tempo, o convento de S. Francisco cumpriu coa obriga de ofrendar un cesto de troitas a S. Martiño, mosteiro bieito.

Nos séculos XVII e XVIII fixeron os franciscanos os actuáis edificios da igrexa convento.

No suntuoso retablo lateral, na dereita do observador, na grandiosa igrexa de S. Martiño Pinario, aló no alto, vese unha imaxe de S. Francisco que leva na man un cesto de vimbios, en recordanza da vella servidume do convento franciscano para co mosteiro benedictino. Era unha ceremonia moi solemne, chamaba a atención en Compostela. O rector de S. Francisco saudaba e abrazaba ó abade de S. Martíño. Había Misa solemne, despedida moi amable ata o ano vindeiro.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?