San Martiño

por parroquiacarballo

Contan que cando reinaba en Galicia o rei suevo Teodomiro (+ 570), doíase da enfermidade que padecía o seu fillo Miro (+ 583). Aquel pai falou con Martiño de Dumio (despois arcebispo de Praga, nacido no 518 e finado no 579) Disque este S. Martiño de Dumio recomendou a Teodomiro que suplicase pola saúde do seu fillo a S. Martiño, bispo de Tours (Francia), paisano seu, nado na Pannonia (Hungría), que viviu de 316 a 397.

Sanou Miro e os suevos, co seu rei Teodomiro, fixéronse cristiáns deixando o seu arrianismo. Empezou así un tempo de restauración da vida da Igrexa en Galicia. Sábeno ben os historiadores.

Temos, pois, que o día 11 de Novembro, día de S. Martín de Tours, dá nome a todo o mes na fala dos nosos paisanos: “mes de S. Martiño”.

Este santo, sendo oficial do exército romano, dá a súa capa a un pobre que ía espido. El ía dacabalo. Este intre aparece nas nosas igrexas nas que o santo é patrón.

Despois chegou a bispo, en Tours, en Francia. Tamén aparece con símbolos episcopais.

Así, en Cances, Razo, Oca, Rodís…

Lembrando que foi cabaleiro, hai unha gran feira de cabalos en Francos – Calo (¿Creada por cristiáns franceses?)

Tamén din: “Por S. Martiño, proba o teu viño”. E así abillan as pipas. E co viño novo, tamén van as castañas, asadas ou cocidas.

Vén xa o frío.- Chega a matanza dos cochos (Hoxe por medios menos dorosos). Empeza o tempo de convidar ós “rixóns” entre familia.

Finalmente, o mes de S. Martiño é propio para a mudanza de caseiros. Están as leiras vacas, ten que empezar a sementeira, a plantar as hortas… Empeza o Ano Agrícola.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?