San Paio da Devesa

por parroquiacarballo

Hai o refrán: “Devoto verdadeiro é o que vén o quince de xaneiro”. Sendo a súa festa no inverno, ó santo vaise na busca de axuda contra catarros, reumas e outros males que nos trae a friaxe do inverno. Recibían os devotos ata haberá uns 50 anos, estampas – folios, coa fotografía do santo adornada cuns versos que chamaban á xente da contorna para que viñesen á romaría. Seguramente en Entrecruces saberán quén era o poeta autor da poesía. Quizais tivese idea do poema de Rosalía cantando a romaría da Nosa Sra. da Barca en Muxía.

Os da estampa de S. Paio son versos libres. Teñen o mérito de seren compostos en tempos nos que a nosa lingua non estaba normalizada nin normativizada.

Facemos unha escolma, por razón de espazo, e poñemos tan só as alusións ás freguesías bergantiñás.

“Vinde, vinde, romeiriños/ ó S. Paio da Devesa/ que se encontra moi soliño/ xunto ó salto da Férveda.

Non falten os de Erviñou/ que xuntos cos de Castrís/ e os da parroquia de Benza/ veñan ata os pés do Santo. Damos tamén un aviso/ ós de Traba e Bértoa/ que traían ós de Verdillo/ que digan ós de Ardaña/ que leven boa merenda.

E mandade recado/ ós de Seavia que veñan/ e sintan alivio/ nos dolores de cabeza.

Os de Rodís que non falten/ tampouco os de Castenda… Todos os que aquí non veñen/ pintados con tinta negra/ tamén rogamos que veñan/ se non saben o camiño/ roguen en Carballo a orixe/ coa luz que os alumea. E se preguntades cando é/o día da súa festa/ escoitade caladiños/ oíde unha voz moi certa/polo quince de xaneiro/ a súa festa primeira/ a segunda por San Pedro/ polo Carmen a terceira.

Non vos digo máis/ non vos quero encher de leria/ sólo vos debo un saúdo/ que a todo devoto alegra/ que o San Paio queridiño/ vos dea sorte coas facendas.

E para que o Santo faga/ que gocedes saúde enteira/ nos días xa sinalados/ Entrecruces vos espera.”

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?