San Xoán Bautista: No Evanxeo e na cultura bergantiñá

por parroquiacarballo

Querían poñerlle o nome de Zacarías, como era o de seu pai, pero non, puxéronlle Xoán que significa “Deus é misericordioso”. Efectivamente, Deus fixo ó matrimonio de Zacarías e Sabela un gran favor: o neno Xoán será o precursor de Xesús (Luc. I, 12-15). O mesmo evanxelista que informa disto dinos que o neno que nacería de Nosa Señora Sta. María, había de chamarse Xesús, Salvador, porque vén liberarnos dos nosos pecados (Luc. I, 30).

Moitos han de alegrarse polo nacemento de Xesús (Luc. I, 14) e María proclama “hanme chamar benaventurada todas as xeracións”. (Luc. I, 48)

Cúmprense na Igrexa estas dúas profecías.

A meirande parte das imaxes do Bautista amosan a man dereita sinalando: “velaí vai o Año de Deus” (Xo. I, 35). Parece un aviso para Carballo pois, ó día seguinte da festa do Patrón, temos a solemnidade do Stmo. Sacramento. Na custodia máis veterana que ten Carballo hai un templete no que vai o Año de Deus que Xoán anunciara.

María dinos: “Facede o que El vos diga” (Xo. II, 3). Así Nosa Señora convírtese en precursora de Xesús. Por tanta proximidade a María e a Xesús non nos extrañe que este dixese: “Ninguén, entre os nacidos de muller,  máis grande ca Xoán”. Referíase Xesús ao Bautista como o meirande profeta do Antigo Testamento (Xo. XI, 11). Agora ben, María ten a plenitude de gracia de Deus, é bendita entre todas as mulleres (Luc. I, 28 ss.)

Ten Carballo como patrón un santo ecoloxista. Bautizaba no río Xordán pero aquelas augas baixaban limpas. Troitas pescadas con canaveiras, amoras das silveiras e froitos silvestres que coñecían os rapaces que ían coas vacas, xa hai tempo, en Bergantiños, eran o alimento de Xoán. Vestía pobremente, non luxaba á natureza con desperdicios. Un exemplo que moito necesitamos nos tempos que andamos.

Por iso, os nosos devanceiros ben interpretaban o mundo no mes de San Xoán. Vían bailar o Sol na alborada da festa do santo. O ceo e o mar lucían un azul mariño ou turquesa, pero as sardiñas viñan como lingotes de prata.

Os trigais e centeais ondeaban co ventiño suave destes días, coma se fosen un mar de verdor.

As corredoiras ornábanse con caraveis, fiúncho, espadanas, pelitroques, hortensias… que servían para enramar as casas ou para metelas na auga coa que lavarse na mañanciña do 24- VI.

Un arrecendo benéfico vagaba polo ambiente.

Cantaban os galos na Lagoa de Alcaián, penedíos, rochedos, castros… tiñan a súa lenda.

Esta metamorfose era o amor que os nosos bergantiñáns tiñan a S. Xoán e á natureza. Aprendamos todos.

Teñamos as festas en paz e gracia de Deus

Amén

 

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?