San Xoán (I)

por

O mes máis esperado, máis querido. Todo é plenitude. Días largos, sen as brétemas, sen as humidades e reumas do inverno, as cereixas xa chegadas anuncian as colleitas que agroman nas agras, froitais cubertos de verdor… verde esmeralda nos comezos da primavera, verde intenso no verán, que rematará en ouro vexetal no outono. Velaí a marabilla do proceso da natureza. O mar, que foi gris no inverno, que batía tolo nos rochedos, agora é manso, verde ou azul, asegún os días. Maino, tenro, espera moitos visitantes nas súas praias. Metamorfose das ondas que adornan de brancores o areal loiro e quente.

O Sol aló no alto, no medio e medio, non deixa sombras en ningures, relocen todas as cores e recunchos.

O arrecendo do fiúncho, os caraveis nas silveiras, as lendas que hai en cada penedío, en cada congostra, cova ou muiño.

O Sol, adorado polos galego-celtas dende o cumio dos castros, domina todo. Canto máis subía, máis preto estaba o galego do Sol e da Lúa, por iso nos cotóns tiñan aqueles astros o seu culto. Sen Sol, sen Lúa non hai anadas. Do Sol e da Lúa tamén veñen os castigos enchentes, lóstregos, pedrazo…todo cae de enriba de nós. Había que telos a ben.

Homenaxe ó Sol é a cachela de San Xoán. Esa noite tan pequena tamén terá luz, pois todo iso merece o Sol é a natureza. Con cachelas no curuto dos castros, comunicábanse as tribos na prehistoria.

Os romanos, cando ó noso Fisterra chegaron, viron con tremor relixioso o pór do Sol. O milagre á vista estaba. Endexamais tan lixeiro tiña que percorrer o Sol o fondo do mar, para aparecer en poucas horas no outro lado e comezar así un novo día. Axioma de ancestrais culturas para ás que a terra era plana e queda; non esférica nin en movemento. O Sol chegaba, pois canso, sen resollo, pero coa alegría e honra da cachela, estaba disposto a un novo día. Por iso, todos os bergantiñáns teñen visto ó Sol bailando na alborada do día de San Xoán.

Xosé Pumar Gándara

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?