No día do Apóstolo, a cidade que se honra co seu nome tributa o meirande honor a este fillo do Zebedeo, Santiago Boanerges. Moitedumes de peregrinos, forasteiros, turistas, chegan a Compostela, escenario de xentes de todo o mundo nestes días do mes de xullo. Xa aparecen queixas nalgunhas ciudades por tantos visitantes, excesivos, que producen deterioro na convivencia urbana. Pasa algo disto en Venecia, Mallorca, Barcelona. Ogallá non teñamos situacións semellantes na nosa amada Compostela.
A capital de Galicia ten a súa historia, a súa beleza, que fan dela unha lección permanente do noso pasado ás xeracións presentes e vindeiras.
Así, preguntan moitos: o topónimo “Compostela”, qué significa? Velaí un interrogante que nos fai revisar os datos que podamos ter sobre un pequeno burgo que chegou a ser, co tempo, a urbe que hoxe admiramos.
Din que “Compostela” significa “Campo da Estrela” Parece fácil dedución das narracións do achádego do sartego do Apóstolo. Pero… hai varios lugares chamados Compostela sen referencia a estrela algunha. No Cronicón Iriense (s. XI – XII) dice que Compostela significa “compositum bellus” (en castelán: tierra compuesta, hermosa).
Hai quen di que Compostela puido ser nome de muller que pasou á terra na que ela morou. Outros pensan que Compostela, reconstruída despois da desfeita de Almanzor, significa cidade ben arreglada, ben composta, fermosa (s. XI).
Quedamos coa sabia interpretación de Amor Ruibal. Para este gran filólogo a voz Compostela deriva do verbo latino “componere”, que significa enterrar. En concreto, do participio composita co sufixo ela. É dicir, un cementerio pequeno onde foi sepultado, entre máis, o Corpo de Santiago.
Algunha opinión hai máis, pero baste coas recollidas. Quedemos coa de Amor Ruibal. Para este sabio teólogo, filósofo, canonista, filólogo… “Compostela” significa o mesmo que “Arca Marmárica” nome este antecesor de Compostela.
Engadir unha particular interpretación do académico galego Xesús Ferro Couselo. Dicía el que “Arca Marmárica” é un topónimo derivado de “Amaia Tarmárica”. Así era aludida a terra na que viñeron dar sepultura do Apóstolo Santiago. Os referentes eran Amaía e o Tambre.