Velaí dúas verdades armónicas que se compensan, que se precisan mutuamente na Fe que os cristiáns profesamos.
Infunde serenidade, paz, acudir ós Camposantos en tal día como hoxe e mañán.
Ante os restos mortais dos nosos, poñemos flores; ante a escuridade da morte, poñemos luces; ante a tristura da separación, abrillantamos, limpamos campas e panteóns. Ante o silencio dos alí sepultados, a nosa oración a Dios Pai, o diálogo secreto, entrañable cós que nos fixeron tanto ben e seguen intercedendo por nós.
Os nosos carballos e castiñeiros perden a folla que aparece esparexida polo chan, pero non están mortos, revivirán na primavera co fulgor dos primeiros soles. Así nos pasa ós humanos. A morte non pode vencer ó amor; Cristo resucitado que tantos amores lexítimos infundeu en nós con vocación de eternidade, é a cabeza que reclama a nosa incorporación á súa vida gloriosa.
Para quen non encontre sentido “nin a vida nin a morte” (como algúns din) que probe achegarse alí onde están os seus difuntos. Medite uns instantes, e sentirá no seu corazón a fala daqueles cos que conviviu. Viven e, pola misericordia de Dios, e o ben que acó fixeron, e as penas que soportaron…gozan da plenitude de vida á que estamos chamados.
Os que presentimos xa a morte como algo próximo, tamén precisamos a axuda e exemplo dos que se nos anticiparon nese paso definitivo. E o abrazo desexado quizá, as nubes que escurecen a vida deixarán paso á Eternidade con eles e con Dios. Amén