Santos e Difuntos

por parroquiacarballo

Os camposantos de Bergantiños están moi coidados todo o ano. Pero chegando estes días de novembro, advertimos unha maior atención ás sepulturas. Se vemos unha campa que non foi limpada ou adornada, sentimos pesar.

Pero a Sta Madre Igrexa reza por todos os difuntos, venera a memoria de todos os santos. Nós, que somos igrexa, temos que manter esta intención. E particularmente oramos polos que nos son máis próximos, por aqueles ós que moito debemos na nosa formación humana e cristiá.

A oración emocionada xurde en nós, espontáneamente, o véremos nomes que hai na campa de cada nicho. Podemos facer meditación repasando os recordos que levamos no corazón. Hai finados na mocidade e na vellez; hainos que morreron repentinamente ou despois de longa enfermidade.

Tras a reflexión, imponse unha determinación para a propia vida. Pensamos no camiño que levamos, na cruz que nos toca polos nosos pecados, a forma de endereitar a nosa vida polo camiño do ben. Aproveitemos o tempo, borremos malos exemplos, o noso comportamento tamén axuda ós demais.

Estamos na parroquia de Carballo celebrando un ano da caridade. Esta virtude cristiá é universal pero sabemos polo Evanxeo (Mat. XXV) que os destinatarios preferentes das nosas axudas, do noso amor, son os máis necesitados. Pode haber quen necesita, espera, as nosas oracións para entrar limpo de todo pecado na Casa do Pai, que é o destino final que Dios nos depara a todos.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?