Veteranas oracións no pobo galego (I)

por

Daquela organización monacal que tivemos en Galicia, naceron moitas das nosas parroquias. Os monxes evanxelizaban, traballaban no campo, ensinaban oracións, panxoliñas, matines, pero na lingua que tiña “autoridade” sobre o pobo rural, é dicir, en castelán.

A repetición daquelas fórmulas ou cantos polo pobo introduciu moitos galeguismos, como era de esperar.

A tradición, de pais a fillos,  e sucesivamente, mantivo esa cultura popular. O analfabetismo reinante fixo que tal labor fose moi meritorio. As lareiras, no inverno; o ir co gando para o monte… deu lugar a unha ensinanza ás xeracións máis novas que acollían ese tesouro do pasado.

Os homes, nas longas noites do inverno, xogaban ás cartas. As nais, e boas mulleres piadosas que ían coas vacas canda os máis novos, ensinaban, e aquelas mentes virxinais, carentes doutra escola, aprendían, repetían oracións e as contestacións da Cartilla (Catecismo) necesarias para o exame da Doutrina na Coresma.

Non todo eran oracións. Tamén había contos, lendas, refráns, fraseoloxía, asegún cada bisbarra.

Mentes preclaras compoñían inspirados versos. Case sempre octosílabos, con licencias. En cuartetas nas que rimaban os versos pares. Sempre foi Galicia terra de poetas, homes e mulleres. Velaí as regueifas, as cántigas que atesoura a nosa cultura desde os tempos de trovadores e xograres. Cantaban nos adros e nas igrexas. Foilles dedicado o Día das Letras Galegas do ano 1.998.

Imos presentar na próxima A Xanela oracións que conserva a memoria de Adelaida Varela , de Sísamo. Facilitóunalas Carmen Rey, que colabora e promove a participación do pobo na  freguesía de Sísamo. Agradecemos a unha e outra a axuda que nos prestaron.

A primeira oración vai en verso. A segunda é o celebérrimo Padre Nuestro Pequeniño, seguido dun diálogo que pode vir dalgún canto escenificando a Pasión do Señor.

Teñamos en conta que a mesma secuencia do día da Pascua, na liturxia de hoxe, asume algo destas escenificacións. Así temos: Dinos, María, que viches no camiño? Vin o sepulcro de Cristo vivente, a gloria do Resucitado, anxos testigos, o sudario e a vestimenta.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?