Vinte anos do Instituto de Estudos Bergantiñáns

por

Van aló, ben cumpridos, catro lustros do nacemento do Instituto. Data xubilar que cómpre celebrar. Este é o obxectivo real, xustificado do acto que tivo lugar no salón parroquial no serán deste sábado.

Velaquí un breve relatorio. Subindo polas escaleiras de caracol que, desde a sacristía levan á igrexa, dime o amigo García Gondar: “Tes que ser ti o director do Instituto de E. E. Bergantiñáns”. Non me producíu inquedanza algunha este anuncio, sabido o habitual humor que prodiga D. Xosé.

Pero, de alí a poucos días ordenamos de ir ao Centro Comarcal de Bergantiños, en Buño, onde saudamos, e daquela coñecín a Xosé Manuel Varela Varela, que exercía de responsable daquel Centro.

Aceptou con interese a nosa proposta.  Tivemos algunha visita máis a aquel Centro, e foi callando a idea do Instituto porque Xosé Manuel fíxoa súa, como un proxecto que acaía de cheo no servizo que debía prestar aquel Centro.

Houbo un boca a boca convocando a amigos que poderían aceptar e comenzamos as xuntanzas nas oficinas da parroquia. Exercía Varela Varela como un eficiente secretario. Houbo unha división de seccións. A min asignáronme Etnografía. Pero, na realidade, todos faciamos falta para todo.

Xosé Manuel Varela non puido seguir porque tiña outras obrigacións. Sentímolo moito. Foi cando rogamos a Xan Fernández Carrera que seguise el coa función de Varela Varela. Ante a nosa insistencia Xan Fernández acabou aceptando. Foi el quen fixo o papeleo civil para legalizar o Instituto. Meritorio traballo.

E así foi. Hoxe o Instituto de E.E. Bergantiñáns é unha realidade consolidada.

Este debería ser o obxectivo da celebración xubilar. Enfocárono moito cara min. Agradézollo de corazón.

Sirvan estas liñas como testemuñas da miña gratitude. Coido que no remate do evento deste sábado, a emoción non me permitiu dicir canto quixera,

Parabéns a todos. Diolopague.

Xosé Pumar Gándara

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?