A Nosa Sra do Pilar

por parroquiacarballo

Ten España como festa nacional o día do Pilar. O descubrimento dun Novo Mundo (1.492) polas naves de Colón, enviadas pola raíña Sabela, a Católica, é o feito histórico que fundamenta a nosa festa nacional.

España colonizou aquelas terras. Son vinte nacións que recibiron a nosa cultura, a nosa fala e tamén a nosa Fe cristiá. As linguas indíxenas foron recollidas en bastantes casos polos vocabularios que compuxeron os nosos misioneiros.

Que houbo faltas, excesos, si, recoñecémolo, como hai en toda obra humana. A mesma raíña Católica depuxo ó propio Cristovo Colón polos seus abusos. Os nosos teólogos recoñeceron a condición humana daquelas xentes.

O pilar sobre o que vai a imaxe da Virxe estanos recordando firmeza, honor, fidelidade. Valores que fai seus a Benemérita Garda Civil. Poucas institucións hai no estado español tan apreciadas polo pobo. Son múltiples os servizos que presta a Garda Civil. Por iso é tan aplaudida cando desfila en días coma o 12 de outubro.

A defensa dos nosos dereitos cívicos, e a loita contra o delincuente son misión preferente da Benemérita. Velaí a Garda Civil apagando no lume, buscando persoas perdidas, descubrindo cantidades de droga en terra ou no mar, poñendo orde no tráfico, defendendo a natureza …

Non esquezamos os anos duros nos que os mellores da Garda Civil perderon a vida enfrontándose ó terrorismo. Dios os teña acollidos.

Hai accións da Garda Civil que son profundamente humanitarias. Así, cando rescatan menores, animan anciáns, axudan a unha parturienta.

Sempre clamamos pola Garda Civil cando algún conflicto se presenta. A pesares de que contan con poucos efectivos, os homes e mulleres da Benemérita acoden ás nosas chamadas.

Dóeme ver que, nalgúns casos, hai desaprensivos que non recoñecen o labor da Garda Civil. Teñamos en conta que son fillos do pobo; que teñen pais que temen que ós fillos incorporados á Benemérita lles ocurra algo malo; que eles mesmos teñen familia, fillos … son humanos.

Non sexamos inxustos. Hoxe encomendamos a Garda Civil á Nosa Señora do Pilar, para que os protexa, os anime nos seus desalentos. E facemos propósito de respectalos como autoridade que son, pero con unha vocación firme por servirnos a nós.

Ten Carballo a sorte de contar coa presencia da Garda Civil, pero o seu campo de acción é moi amplio. Ogallá dispoñan de plantilla requerida para tantos coidados. E tamén cos medios defensivos, de seguridade, para os propios efectivos.

Merecen cuarteles acolledores para as súas familias. Así como a retribución adecuada por tan necesarios servizos á sociedade.

Unímonos cordialmente ó gozo que senten no día de Nosa Señora do Pilar.

 

 

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?