A Semana da Familia

por

Fermosa tradición que temos en Carballo. Recordamos os principios da familia segundo aparece no Evanxeo e na doutrina da Igrexa Católica. Porque a palabra familia vén sendo agora aplicada a convivencias humanas que non reflexan o pensamento auténticamente cristián.

Recoñecemos a fraxilidade que levamos connosco, e as dificultades que xurden na convivencia familiar, como nos ensina o papa Francisco na Amoris Laetitia, pero os principios, os ideais cristiáns deben ser mantidos e defendidos.

A familia é un ben individual e social. Educa ós fillos para a vida con esa complementariedade que forman o amor do pai e a tenrura da nai. Na familia acóllese a tradición, ós maiores que se senten comprendidos e axudados para viviren con paz os últimos anos da vida. Na familia somos sempre aceptados, animados, ante as eivas da vida. Temos nela un refuxio, un remanso de paz. Bálsamo nas nosas penas, consolo cando algún familiar foi chamado á casa do Pai.

Esta bendita terra de Bergantiños, foi un paraíso no que floreceron moitas vocacións sacerdotais e relixiosas. Aínda hoxe temos testemuñas disto. Así, fillos/as de Bergantiños evanxelizan acó e en terras de misión.  Pero todos agradecen a Deus teren nacido en familias profundamente cristiáns, e rogan ao Señor que non se malbarate ese tesouro da Fe familiar que había nas súas casas. Que Deus llo conceda.

Nenos/as, mocidade que non foi criada nun fogar verdadeiramente familiar, viven para sempre marcados polo desamor, sen raiceiras, sen principios polos que ordenar o seu camiñar pola vida.

E lembrando os males da familia, ou de convivencias frecuentes nos nosos tempos, habería que chorar, unha vez máis,  a morte violenta de nais/esposas; as bágoas de nenos/as orfos de por vida.

Se volvemos ao pensamento da Igrexa, temos a familia como un anticipo do que é a gran familia dos fillos da Igrexa.

O Vaticano II chamoulle  igrexa doméstica en frase feliz e teolóxicamente axustada.

Pola decisión e educación dos pais, nacen no bautismo os fillos da Igrexa. Son alimentados na Eucaristía, animados para abrirse      á pubertade, na Confirmación. E, sucesivamente, o Matrimonio abrirá novas igrexas domésticas que seguirán así evanxelizando a nosa sociedade.

Cando xa nos encorvamos polo peso dos anos, ou da enfermidade, a Santa Unción alivia males físicos e cansazos morais para dispoñernos ó que Deus queira.

Todo isto haino na Semana da Familia en Carballo.

Remataremos exaltando á Raíña da Familia, Nosa Señora, motivados polas imaxes de Sta. María que hai no tesouro artístico das nosas igrexas.

As parroquias que forman a familia da Unidade Parroquial de Carballo, colaborarán nesta manifestación de Fe coa que poñemos cabo á Semana da Familia. Devotamente iremos rezando o Santo Rosario, oración típicamente familiar.

Con ilusión estamos preparando esta nova edición da Semana da Familia. Acollamos esta hora de reflexión e oración pola familia.

 

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?