Camiños Xacobeos

por parroquiacarballo

Non todo o camiño a Santiago é precisamente un camiño xacobeo. Dispoñemos de obras moi recoñecidas que nos dan información sobre os camiños medievais que había en Galicia, e tamén no século XIX e XX. Citemos o estudo de Elisa Ferreira Priegue: “Los caminos medievales de Galicia” (Boletín Auriense, Museo Arqueolóxico Provincial, 1.988)

Este libro vai ilustrado con mapas que recollen os camiños de cada unha das catro provincias. Temos, ademais, o famoso mapa de Domingo Fontán (“Carta Geométrica de Galicia”, 1.845). Gran traballo deste profesor da U.S.C., recoñecido nos eidos intelectuais europeos. É un mapa de grandes proporcións que teñen institucións galegas e algúns privilexiados particulares. Pero hai tres anos, un diario de Santiago fixo unha edición de un metro cuadrado para os seus lectores.

Finalmente citarei o mapa do Instituto Geofísico da Dirección Xeral do Instituto Geográfico y Catastral, 1ª edic. 1.944 (1/50.000).

As edicións posteriores xa presentan a xeografía española alterada pola mellora nas redes de comunicación: estradas, autopistas, vías férreas…

Anticipamos isto porque agora podiamos falar dos Camiños Xacobeos, europeos e españoles. Recoñecidos na historia e polo Cabido de Santiago e Xunta de Galicia.

Calquera enciclopedia pode ilustrarnos, hai moito publicado. A ela nos remitimos.

O particular é que se nos ofrecen camiños como complementos ós camiños tradicionais. Camiños, pois, desde Santiago para o peregrino que alí chegou.

A-Camiño a Padrón.

Xustificado pola presencia do “pedrón”, pedra de atraque da Barca Apostólica. Asegún a tradición que recolle o Códice Calixtino.

Así, os padroneses crearon aquel vello dito; “O que vai a Santiago e non vai a Padrón, ou fai romaría, ou non”. Toda unha frase típicamente galega: “poida que si, poida que non”. Polo tanto, se optamos polo si é a decisión sensata: isto é ir a Padrón para non perder o esforzo da peregrinaxe.

O Concello de Padrón dá un documento xustificante ó peregrino, creación reciente. Chámase “pedronia”, en semellanza coa “compostela” que dá o Cabido de Santiago.

Tamén os organizadores da Ruta Marítima pola ría de Arousa emiten un xustificante chamado Traslatio para aqueles que fan ese roteiro aló polo mes de agosto. A Ruta foi inaugurada en 1.966 polo cardeal Quiroga coa asistencia do Sr Fraga Iribarne, ministro de Turismo.

Algún celoso padronés compuxo un himno que di así: “Padrón es camino / para el peregrino que a Santiago va./Compostela es destino/ pero mucho antes ya/ el Apóstol aquí vino/ aquí evangelizó,/ con sus restos mortales/ la nave aquí arribó. /Por ello, es Padrón final para el romero/ que con gran devoción acude a este venero / que es el santo pedrón. / acude a este venero  que es nuestro Padrón”. (continuará)

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?