O domingo anterior ó Domingo de Ramos é coñecido entre nós como o domingo de Lázaro. En tal día, hai parroquias e santuarios que rememoran o coidado que Noso Señor Xesucristo tiña cos leprosos. Naqueles tempos os enfermos de tal mal tiñan que vivir marxinados da sociedade, máis aínda, eran tidos por grandes pecadores e así, dicían, castigados.
Xesús rompe eses conceptos, achégase a eles e cura a moitos. Na nosa Galicia houbo lazaretos, é dicir, lugares nos que eran concentrados os leprosos. Bastantes illas foron leproserías.
En Santiago, preto da igrexa de San Lázaro, houbo unha leprosería, que os vellos recordamos e temos visitado. Bergantiños tiña moitos devotos que acudían a confortar estes enfermos e axudaban con limosnas.
Coido que así foi como veu para Bértoa o día de S. Lázaro. Ademais, en Noya e Pontecesures tamén hai esta celebración.
O leproso leva unha gran cruz que o asemella a Cristo Crucificado. Por iso, ás portas da Semana Santa cae moi ben a lembranza dos que padecen ese mal, hoxe moi reducido, afortunadamente.
Na Misa do domingo de Lázaro, nos seus santuarios, líase no evanxelio a parábola do rico Epulón e o pobre Lázaro (Lucas XVI, 19)
Vexamos as semellanzas: Lázaro sufre, é despreciado polos amigotes do gran rico que os convidaba ás festas. Xesús Crucificado sufre e é insultado polos fariseos. Lázaro ten a compaña dun canciño. Xesús, cabo del, no Calvario, ten a súa nai María e catro persoas máis. Morre Lázaro e vai ó seo de Abraham. Morre Xesús e vence a morte coa súa Resurrección.
Un triple exemplo para todos nós.- Coidemos ós nosos enfermos con medicamentos e acompañamento espiritual. Ogallá saibamos levar os sufrimentos da enfermidade como Lázaro e como Xesús. Queira Dios que non nos falte unha man caritativa que nos axude nas nosas horas de dolor. Amén