Dos nosos carballos

por

É o carballo a árbore (“albre”, din os dubreses) máis recoñecida entre nós. Se nos cinguimos a Bergantiños, hai que falar con devoción do carballo de S. Antonio en Vilar de Francos. Ogallá siga sumando séculos de vida á súa centenaria existencia.

Deste multi-tataravó carballo, pasamos ao carballo-neno plantado hai pouco na Praza do Concello. Temos que defendelo, amalo, para que chegue a ser un repeludo carballo. Os nenos/as que hoxe xogan arredor  del, contarán os seus anos polos mesmos que vai ter este, case irmáns, carballo. Vidas paralelas. E será este noviño exemplar, semellante ós que hoxe adornan a Praza.

Aló, na Avenida da Cristina hai un senlleiro, solitario carballo que sobrevive entre asfalto, ladrillo e fibrocemento. Qué fermosura, nobreza, señorío, o deste sobranceiro exemplar. Temos chegado cabo del para fotografalo, será un testimonio da vida personal e da propia Vila. Abre as súas pólas para abrazar, parece que desexa contarnos a súa historia. Sabe el dos tempos nos que foi medrando pacíficamente no bosque; como as casas foron ocupando o que lle pertencía a el e á súa familia, hoxe desaparecida. Podía falarnos dos Baños, do wolframio, do estraperlo, da guerra fratricida que tivemos…Estamos ante un veciño de Carballo que nos supera, coñece os apelidos de Bergantiños: Facal, Abelenda, Andrade, Pombo, Cancela, Mariño, Antelo, Tasende, Porteiro… Podería el escribir árbores  xeneolóxicas    sen consultar arquivos. Só con mirarnos á cara.

Hai un carballo, máis novo, copudo, con moita vitalidade, diante da porta traveseira da igrexa de Cereixo. Parece estar defendendo aquel testimonio arqueolóxico que rememora a chegada da Barca Apostólica de Santiago a Padrón. Gloria esta alfaia para a igrexa de Santiago de Cereixo.

Quen sabe se este carballo sucede a un mítico cereixo que dese nome á parroquia. Como pasou en Carballo por un exemplar que, seica , estaba fronte á primitiva igrexa de San Xoán de Carballo.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?