Son datas tradicionais: do 18 ó 25 de xaneiro, temos o oitavario pola unión das igrexas cristiás.
Compartimos un pecado ben ostensible ós ollos do mundo: os cristiáns estamos divididos. Non é cuestión de volver a unha vella apoloxética, senón de diálogo en caridade, tolerancia e oración humilde.
Cos cristiáns chamados ortodoxos temos a gran diferencia na interpretación da misión do papado. Xa S. Xoán Paulo II se preguntaba cómo exercer hoxe este servizo. Co papa Francisco temos a oferta dunha igrexa sinodal como algo permanente. O que nos achega ós irmáns ortodoxos.
No século XVI tivemos unha notoria separación de irmáns que proclamaban a necesidade dunha reforma na Igrexa. Certamente, moi necesitada dese autoexame.
Os Irmáns Separados daquela, seguen proclamando a súa Fe con estes principios: Solo Cristo, sola a Fe, a Gracia, a Biblia. Son ideas básicas que podemos admitir anque non tan excluíntes. Tamén Nosa Señora e os Santos, como intercesores ante Cristo, Único Salvador e Redentor; as nosas obras feitas con Fe e Gracia, a Palabra de Dios interpretada segundo a recepción que na Igrexa se fixo da mesma, na tradición na que naceu a mesma Biblia, da que ela é testimonio.
Subliñemos a Fe. O papa Benedicto XVI proclamou un Ano Xubilar da Fe. O mesmo papa e o actual Francisco proclamaron que sen Fe non hai sacramentos.
A Fe, non é só un asentemento intelectual, senón tamén unha confianza na bondade de Deus Revelante e Redentor.
O Camiño de Santiago, que tamén entrou no debate cos Irmáns da Reforma, non se entende sen a Fe, que é o que move ó peregrino á penitencia e oración.
Un Camiño percorrido como ilustración cultural, deportiva, paisaxística… non é o Camiño do Ano Santo. Se ben, con esa virtualidade que ten o Camiño de Santiago os que o percorran sentirán a chamada da Fe. Tanto os camiñantes con raíces cristiás como os de outras confesións e culturas alleas á nosa Fe.
Velaí por qué o Camiño é un movemento ecuménico, de encontro e diálogo, que relativiza seculares enemistades, e nos leva a todos a buscar a Fe liberadora.