Nosa Señora dos Milagros de Caión

por parroquiacarballo

Santuario no alto para admirar o mar, a infinitude. Así tamén a imaxe da Pastoriza en Arteixo e noutros lugares marianos como Chamorro, Chanteiro… Nosa Señora, Sta. María é moi amiga do mar: Camariñas, Muxía, A Xunqueira de Cee… fálannos desta ensinanza que dá María para consolarnos, axudarnos nas loitas do mar da vida. Talmentes como o Señor predicaba nas ribeiras do mar de Tiberiades, e participaba cos Apóstolos nas faenas de pesca (ás veces con tormenta), así María escolle escenarios semellantes para estar á nosa beira nas crises de cada día, e na paz da alma coa conciencia limpa. E seguimos adiante confiando nela como Estrela do Mar, Consolo de Aflixidos.

As nosas rías galegas, os seus peiraos son testemuña da fe dos mariñeiros para con María, Nosa Sra do Carme.

No que levamos de ano, mariñeiros e barcos galegos sufriron as consecuencias dun traballo feito no medio mariño. Moi lonxe de Galicia, ausentes por semanas enteiras ou meses, van os valentes mariñeiros galegos buscar o peixe que consumimos. A tal hora, en todos os mares do mundo hai barcos e mariñeiros, paisanos nosos. Cambian de súpeto os ventos, revíranse as ondas do mar e xurde o perigo. ¡Cantas veces os nosos mariñeiros terán invocado a María no fondo do seu corazón! Levan medallas, estampas de María, fotografías familiares. En terra quedan nais, esposas, fillos… esperando o retorno. Pero pendentes de calquera noticia, coa oración nos labios e a mirada posta no mar e no santuario mariano da súa devoción.

Cando peregrinamos a Caión, ollamos o mar que nos acompaña ó camiñar. Vemos tamén moitedumes, mocidade que presenta a María o seu novo curso implorando a súa bendición. O día 8 de septembro é a festa do nacimento de María Santísima. Chámanos a renacer, a reemprender os labores de cada quen. Coa súa axuda e a do Noso Señor Xesucristo que ela pedirá para nós, poderemos.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?