O cromatismo do San Xoán (B)

por parroquiacarballo

As colores marela, vermella, loura, do gando pacendo libremente nas chousas e devesas, hoxe non se ven. Eran o “tesouro”, que o cambadés Asorey sorprendeu nos brazos dunha paisana que baixaba da feira despois de mercar un cuchiño.

Os nonaxenarios de hoxe (poucos quedan xa) saben o que foi ser “rapaz das vacas”. Estes nenos, con pouca escola lamentablemente, coñecían os paxaros polo seu voo, polos seus trinos, polos seus niños. Aproveitaban as amoras das silveiras, e froitos que chamaban “bravos”, que ofrecía a natureza, benfeitora dos humildes. Gromos de albres, perucos…que atopaban nos montes, ao mesmo tempo que aprendían as lendas do San  Xoán que os vellos contaban. Fontes, lagoas, penedíos, marcos, portelas, encrucilladas, muiños… todo un patrimonio cultural, de transmisión oral, creado en Bergantiños, salvouse así. Tanta beleza, tanto amor á terra, vaise perdendo porque o pragmatismo non deixa lugar á fantasía.

San Xoán, o noso Patrón, vivía dos froitos do campo e vestía pobremente. Un ecoloxista integral. Coa súa concha de vieira bautizaba no Xordán, e as augas seguían tan limpas como cando nacían nos montes do Golán. Ogallá os ríos bergantiñáns, despois de serviren a vilas e cidades, puidesen chegar así limpos ó mar.

Do mar chega olor atlántico, salgado, que portan xoubas e sardiñas.

Arrecende bergantiños cos aromas dos carabeis, do fiúncho, dos palitroques, espadañas… que enraman as casas.

Na procesión do Santísimo Sacramento, a mellor alfombra floral era esparexer o humilde fiúncho, e gardalo despois, tras o paso de Xesús Sacramentado.

No mes de San Xoán desperta a natureza. Como se o inverno, cos seus fríos e humidades, enchentas e ventos, estivese preparando esta eclosión de colores e optimismo; de Fe e devoción; de encontros e sorrisos, que a todos nestas festas desexamos.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?