O cromatismo do San Xoán

por parroquiacarballo

O Sol refulxe, manda unha luz potente, incolora sobre un escenario no que a gama de colores semella a paleta dun pintor que mestura, crea novas sensacións ós nosos ollos.

Un ceo azul, cóncavo, cunha algunha nube branca, cubre tan polícromo conxunto. Aló, no confín do mar da Costa da Morte, un solpor alaranxado refléxase no azul oceánico, coma un breve arco da vella.

“Bergantiños… cos teus trigos e os teus pinos”.- Hoxe Pondal botaría en falta aqueles trigais que ondeaban como mares verdes esperando madurar no verán. Verde escuro nos pinos, en contraste, susurrando cántigas ó compás do vento que alegraba ós trigais.

“Terra nobre e testa, roxa ó arar”.- O gran esforzo dos bergantiñáns que dirixían o paso do gando co arado, co beso. A terra revirada amosaba ó roxo que tapara no inverno. Agora aparecía testa, en terróns, que había que gradar e caniar.

A todo isto, un verde xoven, de pubertade, está pintando as albres máis nosas: o carballo, o castiñeiro. Anuncian os froitos do outono. Agachadas entre verdes follas, relucían, vermellas, as sabrosas cereixas.

Bergantiños, na súa vocación de ser graneiro de Galicia (Del Hoyo, dixit) polo S. Xoán ten fartura de pan branco e pan mesto. E nos seus hórreos hai millo branco e marelo, millo pego e reino. Sinais son da abundancia que Deus nos dá.

Por iso, Carballo, xenerosamente, convida a participar nas súas festas de S. Xoán a galegos e estranxeiros, a paisanos, emigrantes e veciños das vilas. Coñecerán todos a ledicia das nosas xentes e a devoción que sentimos polo patrón S. Xoán, a veneración ó Santísimo Sacramento, e o amor filial a Nosa Señora do Carme.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?