O Nadal en Bergantiños

por

Ten Bergantiños unas condicións naturais para entrever que aquí o Nadal tivo unha particular celebración. O espírito bergantiñán que aniña nesta bisbarra manifestase no Nadal. Xa está demostrado que as nosas cántigas de tradición oral para os días que van de Nadal a Reis, foron  ensinadas en castelán, polo tanto lévannos ó tempo no que Galicia empezou a recibi-la influencia castelá: séculos XVI e XVII. A fala galega cambiou, deturpou palabras e xiros que non entendía, fixo castrapo daqueles versos, pero tamén creou a palabra panxoliña, verba galega feita sobre do latín pange lingua, que o pobo oía cantar nas igrexas e mosteiros.

Abre las puertas puertero, cantaban os nosos mozos no Nadal. Un profesor universitario, estando en Alemania polo Nadal, galego, laiábase de non poder escoitar tal desfeita castelán, pois era algo do noso enxebre Nadal.

Os panxoleiros xuntábanse en cuadrillas, aprendían música e letra dos beizos daquel que coidaban sabía máis. Algúns eran analfabetos, polo tanto, o garante e autenticidade do aprendido ía perdéndose de ano en ano. Xurdía así unha creatividade supletoria. Mais o Misterio que se proclamaba era sempre o mesmo. Aquela era unha catequese que os panxoleiros cantaban nas portas da veciñanza, postos en roda, en dous coros, que se contestaban en forma dialogante e remataban xuntando as súas voces para pediren o aguinaldo. Cando nunha casa había loito, respectaban esta familia.

No fato dos panxoleiros, un levaba o cesto ou saco para aguinaldos, todos ían con bastón, zamarra, polainas e gorra. Frío e xeada na lama, brétemas e o fume das lareiras nas que ardían cachopos de carballo, eran o propio do tempo.

Pasados os Reis, tiñan a súa festa os panxoleiros. Misa pola mañán, cantada e con foguetes. Xantar coas cacheiras, paletas, lacóns, chourizos e ovos recollidos como aguinaldo. As mulleres (irmás, noivas) eran as cociñeiras. Caña, e xa filloas, eran o sobreposto. Ruada, no serán para todos.

¿Ula característica do Nadal bergantiñán? Hai unha palabra bandeira do noso Nadal. Aquí cantábanse os Matines. Si,  os matines, verba que abrangue as máis coñecidas cántigas do Nadal de Bergantiños. Mentres que a palabra panxoliña haina en parte de Bergantiños así como nas terras que nos rodean. A panxoliña ten o mesmo ámbito cantoral cos matines, pero nestes, nos referidos ós Reis, descubrimos unha forma máis arcaica do que foi o canto do Nadal. A estructura dos matines amosa a fórmula salmódica que ten a composición musical, xurdida na mesma historia de Bergantiños. Dende o mestre Tafall, no século XIX, ata os nosos tempos, está moi estudiada a cántiga popular galega, toda ela dependente do canto gregoriano. Bergantiños tivo unha cultura cantigueira creada nos seus mosteiros, algúns tan sobranceiros como foron Soandres, Almerezo. E tamén Seavia, Nemeño, Mens. Estes abades ou priores, casteláns ou castelanizados, ensinaban ó pobo a ler e a cantar. No Nadal, as cántigas eran síntese do que os mesmos monxes cantaban nos seus maitines (matutinum, en latín) que era a primeira oración do día. Festas de tan senlleira importancia como eran as de Nadal, eran ensinadas ó pobo en traducción castelá, que vén sendo os matines.

O pobo, pois, tan estraña palabra como era maitines, converteuna en matines, verba respectuosa co castelán dos monxes ensinantes, pero que en galego debería ser matíns. Todo un símbolo do que ía  pasar coa letra das cántigas de Nadal.

 

Seguimos co Nadal (II)

     Chegan, pois, os panxoleiros. Petan á porta, os da casa aceptan que canten e vense moi honrados porque o fagan.

A estas puertas estamos

 cuatro pasajeros

si nos dan licencia

comenzaremos

Iesta noche de Nadal,

 noche de gran alegría,

caminaba San José

iemala Virgen María

     Cando nace O Neno, María non ten con que envolvelo, cantan os panxoleiros. María bota man ó  pescozo e dunha cofia que traguía, envolve o seu Fillo. Ante tanta pobreza, un anxo do ceo trae panos, uns eran de holanda e outros de holanda fina. A cofia era moito da nosa Terra, os panos vidos de Holanda remítennnos ós tempos dos tercios españois en Flandes, probablemente orixe dos encaixes que se fan na Costa da Morte. (Polo tanto, estes encaixes estiveron en Belén). Se ben a comunicación marítima que había desde o porto de Camariñas cos Países Baixos xustifica a orixe galega de tan preciosos dons que son patrimonio da fermosa vila da Costa da Morte.

Van  despedirse os panxoleiros. Piden o aguinaldo. Importante é notar que a despedida e petición do aguinaldo van sempre en versos galegos. Son, pois, cración galega, panxoleira.

Dánolo, señora
Se nolo ha de dar
Somos caminantes
E temos que andar.

Déanolo aguinaldo,
anque sexa pouco
un touciño enteiro
e a mitade do outro

     Tamén había despedidas abafantes para quen non daba nada. Despedida ben fermosa era esta:

Eles que vivan
e nos que vivamos
e roguen a Dios
que no Ceo nos vexamos.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?