ANTE O ANO SANTO COMPOSTELANO
Neste ano santo e ante a proximidade da festa do Apóstolo publicaremos unha serie de artigos sobre a Catedral:
O Obradoiro
Cando rematou a obra da actual Catedral, (que vén sendo a terceira das que se fixeron enmarcando o Sepulcro do Apóstolo) era unha obra perfectamente simétrica. Teredes visto os debuxos que un sabio como Conant fixo sobre aquel monumento. Na fachada que hoxe chamamos “do Obradoiro” había dúas torres xemelgas, dun alto que sería a metade do que hoxe teñen as actuais.
Resultou que, co tempo, a torre da dereita recibiu unha altura máis para poñer alí as campás. Unha mellora que desfixo a simetría que había ata daquela.
A experiencia de completar a obra da Berenguela na segunda metade do século XVII foi tan gratificante que se pensou en algo semellante para a torre das campás. E así fixo por 1.670, era inspiración do mesmo Domingo de Andrade. Quedou esta torre tal como a vemos hoxe, pero a desemellanza coa outra torre, a da esquerda, agora é moi grande. Buscouse un remedio. E encargoulle o Cabido ó arquitecto Fernando de Casas Novoa que presentase un deseño que dese unidade a toda a fachada do Obradoiro. Fíxose esta obra entre 1.730 e 1.750.
Fernando de Casas fixo unha copia da torre das campás edificando sobre a primitiva románica. E puxo unha torre intermedia, de menor altura, logrando así un efecto estético que maravilla ó espectador. Ornamentación barroca, imaxes pétreas como se fora un retablo. Queda resgardado o Pórtico, e grandes ventanais darán luz abondo para poder contemplalo.
O noso poeta Gerardo Diego, escribiu:
“También la piedra, si hay estrellas, vuela.
Sobre la noche biselada y fría
creced, mellizos lirios de osadía,
creced, pujad, Torres de Compostela”.
Pero tamén o folclore galego se preocupou da fachada do Obradoiro. Aló por terras de Ulla, nos arredores de Pico Sacro, cantan:
“Ó San Sebastián subamos
Na cima do Pico sacro
Para ver raiar o sol
Nas torres de Santiago”. (Proseguirá…)
