Onomástica Xacobea I

por parroquiacarballo

Os tempos do esplendor xacobeo nos séculos do medievo trouxeron á Catedral peregrinos de toda Europa. En Compostela resoaban todas as linguas, dinos o Códice Calixtino, que as vai enumerando todas. Con razón se ten dito e repetido a frase de GOETHE: “Europa se hizo peregrinando”. E tamén, nos foros culturais europeos: “El Camino Francés es la Calle Mayor de Europa”.

Por outra parte, naqueles tempos medievais estaban xurdindo as linguas romances, é dicir, as derivadas do latín: galego, castelán, catalán, francés, italiano e outras de menor entidade. Polo tanto, o fenómeno xacobeo tiña que sentirse na fala das xentes, anque acomodándose ás características de cada unha. Así, era fonética, ortografía, vocabulario…

Un caso moi popular, e próximo a nós, galegos, é a transformación operada no nome dun molusco comestible, de concha semicircular con dúas volvas, unha plana e outra convexa que leva estrías radiais. Tiña o nome de VENERA porque, asegún a mitoloxía antiga, nesas cunchas nacera Venus, a deusa do placer. E así a representaban.

Viñeron os peregrinos a Galicia, sorprendéronse coa beleza, abundancia e sabor do devandito molusco. Tomaron as súas cunchas como insignia, como certificado de estar en Santiago. Levárona como distintivo nas escravinas dos hábitos. Anque tamén servía para beber nas fontes do Camiño. Por iso o nome que recibiu a venera foi o de VIEIRA. Moitas lendas hai sobre a vieira galega.

As imaxes do Apóstolo (peregrino ou sedente) levan vieiras. Mesmo no hábito de S. Roque de Montpellier, santo popular en Francia que chegou a nós polos peregrinos do Camiño Francés, como curador de pandemias e peregrinos enfermos, tamén puxeron vieiras.

O PECTEN IACOBEUS (nome latino co que figura a VIEIRA en textos clásicos) aparece tamén na pintura e arquitectura xacobea. Memoremos aquela vieira que hai na fachada das Praterías, mesmo ó lado do famoso recuncho de David. Ese alarde de arquitectura, unha concha sostendo o peso da parede que gravita sobre ela, chama a atención ós expertos. Obra de Gil de Hontañón, arquitecto salmantino que trouxo para Santiago o arcebispo promotor do claustro actual, Fonseca III, que fora bispo en Salamanca. Esa concha, a máis grande de Santiago, enlaza a fachada das Praterías co edificio chamado do Tesouro.

No palacio de Raxoi hai unha azotea desde a que se pode admirar a alameda e hortas que o rodean, polo oeste. Alí hai unha concha, que é un mosaico feito con pedriñas de varias cores.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?