Un canto a Vilela

por

A máis pequeniña e fermosa. A Igrexa está sentada, pasma coa beleza que ten diante acotío. As augas que entran e saen na ría de Lema, as luces do faro das Sisargas, a vila mariñeira de Malpica… Todo é horizonte contemplado pola Igrexa de Vilela. Que tamén está orando polos seus fregueses, vivos e difuntos.

Parece que foi San Miguel quen defendeu a Igrexa e o seu adro non está cinguido de panteóns. Hai camposanto moi coidado.

Había unha soa campaíña. O marqués de Sta Cruz de Ribadulla, presenteiro   que foi da parroquia, fixo o agasallo dunha campá meirande. As dúas parecen estar de loito desque finou Manuel Rodríguez Osinde (e.p.d.), que as agarimaba cando as tanxía.

No adro, dous olmos centenarios custodian a Igrexa. Saben moitas historias. Contan que nas noites de lúa chea, estes olmos, acunados pola brisa, bisbisean entre si, e co ventiño mareiro, as súas follas baten como castañolas.

Aló, en terras da Ulla, no pazo de Oca, propiedade do marqués, nacen as camelias máis belidas de Galicia. Quixera ir para traer ó San Miguel de Vilela, cabalgando ventos e nubes, unas camelias vermellas, encendidas de amor, para ofrendalas ao Patrón.

Cando deixei a Igrexa, mireina desde o alto con intensa emoción e vin que unha capa de néboa, celosa de min, quería ocultala dos meus ollos en bágoas. A esa brétema, queixoso, díxenlle: poderás tapala ante a miña visión, pero do meu corazón endexamáis poderás arrancala.

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?