Remata o Bienio Santo Compostelán 21-22 (I)

por parroquiacarballo

Xa se fala da clausura do Ano Santo, do peche da Porta Santa. Cómpre que teñamos unha mirada retrospectiva do acontecido nestes dous anos.

Da realidade social.- Tivemos a pandemia, que fomos regulando, ou dominando con vacinas sucesivas. O cambio climático tróuxonos unha gran seca e lumes nos montes. Segue habendo cada verán a escravitude dos incendios. A guerra de Ucrania trae moita dor ás familias. Acollemos a refuxiados que encontran  países que tratan da mellor maneira a quen tanto padece. A diversidade das falas é gran traba.

Por todo isto, unha suba nos precios, especialmente nos productos da cesta da compra.

Gran pena foi o afundimento da Villa de Pitanxo. Segue viva entre nós a mágoa do tren Avia.

Celebracións máis salientables do Ano Santo.- A peregrinación europea da xuventude (PEJ) que trouxo a Compostela 15.000 mozos/as. Un plan de catequese e outras celebracións para estes peregrinos fixo vivir días de fe apostólica para xeracións futuras. Ogallá que tamén xurdan vocacións sacerdotais ou relixiosas tras esta peregrinaxe.

Houbo delegado papal, pois a saúde do papa Francisco non lle permitiu asistir. Pero enviou a súa mensaxe.

Peregrinou tamén o episcopado español, e houbo Ofrenda Nacional feita polo propio rei Felipe VI.

Os camiños xacobeos, ateigados de peregrinos. De todos os países, linguas, profesións. Os arciprestados da diocese compostelá e de outras; parroquias, entidades…todos compuxeron esa presencia variada da que, nos seus tempos, fala o Códice Calixtino.

Atención.- O Camiño de Santiago e o Xubileo Xacobeo son, ante todo, o Ano da Gran Perdoanza. É dicir, teñen un sentido penitencial. Cumprido este aspecto,  resulta xustificada a ledicia do peregrino. Da que tamén fala o C. Calixtino e o cardeal Quiroga, nas súas respostas ás ofrendas que se lían na Catedral, adoitaba expoñer. Polo tanto, de seu, o Camiño non é un medio cultural, ou proba deportiva.  Anque algúns así o percorran. O Camiño non é chegar á fachada do Obradoiro e pasmar alí con tanta beleza, inmortalizada en fotografías como recordo. Non perdamos a esencia do Camiño e do Xubileo.

A multiplicidade de camiños xacobeos proclamada últimamente, é unha satisfación para as diversas comarcas, pero poida que veña en deterioro do conxunto de camiños clásicos. Non todo roteiro que leva a Compostela ten que ser un camiño xacobeo.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?