Santiago de Mens

por parroquiacarballo

Pretende Bergantiños poñer de manifesto os seus valores paisaxísticos, gastronómicos, toponímicos, artísticos … porque é unha terra que merece a visita de tanto turista que busca algo ben definido, senlleiro. No aspecto arquitectónico ofrece Bergantiños o románico de Mens e Lema, o gótico de S. Paio da Devesa, o barroco de Rus. Destas igrexas só é monumento histórico-artístico a de Santiago de Mens (B.O.E., 25–V–1.979).

Sobre Mens temos a documentación que aporta López Ferreiro, un estudo polo miúdo de Barral Iglesias e a obra sobre o Románico en Galicia–A Coruña que rectifica ideas de Barral. Sabemos que está en preparación un traballo sobre Mens por profesores bergantiñáns. Pero Juan Félix Neira Pérez, do IES de Ponteceso e da U N E D de A Coruña anticípase cun rigoroso estudo sobre Mens.

A investigación deste profesor pontecesán abarca diversos campos. Así: a poesía e obra de Eduardo Pondal, o santuario do Briño, o párroco de Pazos, Rafael Ares, obra recente.

Na revista Compostellanum (xullo–decembro 2.022) aparece unha aportación do esclarecido profesor: “A igrexa malpicá de Santiago de Mens: alteración dunha xoia románica no século XIX”

Este título fainos pensar en casos semellantes. O románico da catedral de Santiago, revestido de barroco a costa de perder xoias de difícil recuperación como o coro do mestre Mateo, ou a tallante decisión de Vega y Verdugo con respecto ó mausoleo apostólico.

Neira Pazos manexa documentación do arquivo parroquial, labor facilitado polo párroco García Souto, a quen, agradecido, o Autor dedica o seu traballo; como, na súa hora, dedicou ó amigo Méndez Farto (e.p.d.) o estudo sobre o Briño.

Estamos, pois, ante unha información inédita. Temos así noticia do estado precario de Mens no século XIX, e das xestións para a restauración do templo feitas polo párroco Francisco Insua ante o cardeal Payá.

O mestre canteiro que dirixiu a obra da fachada da nave principal foi José González Blanco, finado no 1.894 con 60 anos, natural de Couso-Pontevedra. O párroco Insua foi soterrado en Mens e ten unha lápida a carón do muro norte que di: “Los restos mortales del que fue nuestro cura D. Francisco Insua Canosa y los de sus padres Ramón y María. R.I.P.”

Impacto sobre o románico.- Tres esteos de madeira soportan a trabe principal. Pezas similares hai en Cores e Cereixo.

Según Barral hai unha “ara paleocristiana”. Consciente do seu valor, o párroco actual cubriuna cun groso cristal que permite ver a ara.

Outro párroco admirador de Mens foi Ramón Casal Pérez, que alaba a obra do seu antecesor. Novas achegas hai de Rafael Ares Torres, cura de Pazos.

Unha nítida aportación fotográfica permite apreciar as partes máis sobresaíntes aludidas no texto, así como un dibuxo da portada románica desaparecida.

Mil parabéns a Neira Pérez, bo coñecedor da cultura bergantiñá. Non deixará de seguir pescudando e informándose de todo o referente a esta nosa Terra.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?