Vía Céltica. Os Camiños de Santiago por Santa Comba

por parroquiacarballo

Comenza este traballo cun importante prólogo de Manuel Pontes García, párroco de Benza e Xavestre, quen, na súa documentada obra “Santa Cristina de Fecha y Capilla de Belén” recolle a tradición da curación milagrosa dun peregrino enfermo. Bebeu na Fonte Santa, expulsou unha cobra pola boca e sanou. En agradecemento fixo voto de levantar alí unha capela á Nosa Señora.

Velaí a motivación para o estudo que fixeron André Pena Granha e Joam Evans Pim. Leva o título “Vía Céltica” pois polo arciprestado de Céltigos pasan os diversos camiños que, partindo das portas da Costa da Morte, seguían os peregrinos para chegaren a Compostela pasando, ou por Ponte Maceira ou por Porto Mouro.

Céltigo foi señorío arcebispal, como recoñece o blasón do concello de Santa Comba que ostenta un pazo con dúas vieiras xacobeas. Por isto mesmo o devandito concello patrocina a publicación.

Aparecen datos sobre hospitais para socorro de pobres e peregrinos. Así en Castrís, Moraime no ano 1.119 por Alfonso VII. Calixto III no 1.457 encomenda á igrexa de Muxía o coidado de peregrinos. Tamén hospital en Santa Comba e no santuario do Briño no 1.594.

A arquitectura xacobea confirma o feito da peregrinaxe por estas terras. De capital importancia o tímpano de Cereixo que, ata hai poucos anos, era a representación máis antiga da Translatio de Santiago desde Terra Santa. Predomina na bisbarra o estilo románico e os seus axedrezados.

Os peregrinos veñen ós portos que van desde Caión a Fisterra, predominando Camariñas pola bondade dos ventos alí para desembarcar. No 1.228 desembarcou Alfonso IX. Así o celebran cada ano na vila camariñán, de mar apacible na súa ría que fai lembrar ás Rías Baixas, como estimaba Otero Pedrayo.

Sobre o mapa de Fisterra (1.845) van sinalados os camiños. No 1.380 consta o paso de peregrinos pola ponte de Porto Mouro.

Prantéase a cuestión da Vía XX do Itinerario de Antonino. Non debemos esquecer que esta Vía Per Loca Marítima parte de Braga para chegar a Lugo, e de aquí a Astorga. Así unía os tres  Conventus da Galicia Romana. Suposto isto, hai que admitir camiños derivados e así xurden as diversas hipótesis dos expertos. Mesmo nesta obra “Vía Céltica” aparecen criterios diferentes nas páxinas 14 e 42.

Continuará

 

 

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?